Barbarie vilalbesa


Constanza Montenegro.-

Despois duns anos sen pisar a terra os meus devanceiros, retorno á vila o día de defuntos, acompañando aos meus pais, que tras a súa xubilación volveron a Galicia para instalarse n´A Coruña. Ao instante quedamos perplexos e, despois abatidos, ao contemplar o seu actual aspecto; o fervor edificatorio converteu aquel agradable pobo nesta mestura de construcións onde non se aprecia planificación urbanística, un lugar no que non se abren prazas, xardíns, aparcadoiros e outros espazos necesarios. Pero o máis grave non é a indolencia que sustenta esta falta de planificación, senón o acto inmisericorde de esnaquizar os escasos elementos de certo interese legados polos nosos predecesores. Refírome ao antigo cemiterio municipal, cuxos nichos de innegable interese histórico sucumbiron baixo os designios dalgún cateto mandatario, ignorante das marabillosas intervencións que noutros lugares puxeron en valor recintos semellantes, e, como non, tamén me refiro á Alamena, salvaxemente devastada nestes días.

A Alameda non é unha actuación urbanística sobresaliente, pero si a única onde se albisca certa planificación. Os seus escasos exemplares ornamentais non señorean o espazo axardinado, mostrándose raquíticos e descoidados, residindo o interese botánico nos castiñeiros de indias e algúns arces que soportaron continuos e excesivos derrames (a poda é algo ben distinto) até provocar neles o actual estado de extenuación. Tal calamitosa situación debida a numerosas "rapas por bestas" alenta os instintos arboricidas do ignorante, mentres o ilustrado busca solucións para prolongar a vida; a morte é un final irremediable, pero as enfermidades débense combater.

Os problemas da Alameda eran ben visibles e demandaban solucións baseadas no intelecto. A sucidade da pedra, agravada como puiden saber por un chorreo anterior, teríase que retirar cun cepillado manual á auga, con isto sería suficiente; só un paleto pensa que a pedra é máis bonita cando queda esnaquizada, e está de acordo cun chorreo que altera superficialmente o granito e fai que se ensucie máis. A incipiente enfermidade das árbores debeu ser avaliada por algún especialista cualificado e, en base a un diagnóstico competente, planificar os tratamentos necesarios para alargar as súas vidas. É inmoral non tentar salvar tan lonxevas existencias, e tallalos antes de que se produza o deceso, acaso dentro duns meses, ou ben, dentro de varios anos. As superficies estaban mal pavimentadas e a evacuación das pluviais foi concibida sen destreza, pero a solución de colocar plaqueta de granito serrado, non só é de mal gusto, senón un recurso torpe que non resolve os problemas anteriores; abondaba con deseñar unha rede adecuada de drenaxe e colocar unha estratificación de áridos de diferente granulometría para eliminar as fochancas e facer cómodo o camiñar, solución que require máis recursos mentais que económicos, e é adoptada con éxito en países con maior pluviosidade. Outro aspecto descoidado na Alameda é a accesibilidade e protección de usuario, especialmente notorio na excesiva inclinación das ramplas e a súa escasa anchura, a ausencia de pasamans en ramplas e escaleiras, o desemboque de ramplas en beirarrúa próxima á calzada sen a existencia de protección vertical, a escasa altura das varandas existentes, etc., algunhas delas supoño que se modificarán, pero todo apunta a que non se fará do mellor xeito. O escaso respecto mostrado cara á veciñanza queda tamén plasmado na forma de execución das obras (non entremos na súa propia seguridade), pois a súa deficiente planificación provoca molestias innecesarias aos viandantes, ademais non se habilitan normativos accesos para peóns, córtanse as beirarrúas e os veciños camiñan pola calzada, non se limpan as beirarrúas ao remate da xornada, dándose tamén algunhas outras desmañas. A maioría dos concellos xa non necesitan esixir a corrección destas deficiencias ás contratas, porque estas, afeitas traballar en lugares urbanos, non incorren nelas. Para todas estas atrocidades, cae ben como lema aquela bravuconada atribuída a Millán Astray: Morra a intelixencia!

Pero, sen ningunha dúbida, o máis delirante desta historia non vén motivado por un proxecto de inusual falta de pericia, senón pola fuxida cara adiante dalgúns dos actores deste luctuoso episodio. Pódese entender a escasa capacidade dun municipio que apostou por manter ao mínimo o seu cadro técnico, suplíndoo coa innata competencia dos edís nestes temas (urbanismo, paisaxismo, etc.), cuxas preclaras deliberacións en plenos e comisións débense semellar ás mantidas nos máis fulgurantes templos do saber. Pero, ao contrario, non se pode admitir a falta de observación dos criterios de autoridade universal, segundo os cales un informe emitido por un neófito no tema (perito agrícola non especializado en fitopatoloxía, segundo puiden pescudar), nunca contradi ao dun profesor universitario de botánica de incuestionable prestixio internacional (a verdade, asombráronme os seus méritos rebuscando en Internet). Pero máis lamentable, se cabe, é a postura dos que deberan actuar como "a oposición", un grupo parece estar de vacacións, e o outro enceréllase nunha insólita pelexa de curral; se nalgunha reunión celebrada na Casa Consistorial algúns se foron convencidos da necesidade da ultraxe (porque nin saben, nin preguntan), non deberan alimentar o seu Ego contradicindo á executiva do seu propio partido, traizoando á verdade e insultando á intelixencia. O túzaro goberno segue adiante e ameaza con outras animaladas semellantes, que probablemente inspirarán coplas e seguramente serán, despois de algún tempo, o único que se lembrará deste tan cabal e competente mandato; pero aínda que estas accións non deba facelas, si pode, e faino por mero capricho, non á luz dun incompetente informe, ou ao abrigo dalgúns necios "ben mantidos".

Estas notas, como algunha outra que enviarei máis adiante, non nacen da miña propia iniciativa, senón da do meu proxenitor, quen non alcanza a comprender como se poden consentir tales actos, e pediume que achegase algún raio de luz para rescatar da escuridade a unha sociedade que parece estar en franca decadencia. Só na ignorancia se poden xustificar estes desmáns, pois é un alto outeiro rodeado de perigosos barrancos.

17 de nov. de 2010

6 comentários :

  • Non sei quen eres, igual un pseudonimo deses que tanto abondan por estes lares, que escribe o que quere sen dar a cara para facelo.

    A miña primeira impresión e que para estar fora de Vilalba e só aparecer o día de defuntos, extráñame que estes tan informado/a ao pormenorizado dos problemas de Vilalba e da súa oposición, despois do dito, deberías pensar en presentarte as próximas eleccións para que o nivel subise un pouquiño, xa que vexo que andas sobrado del. Xa ves, o resto andamos xustiños co que temos, pero intentamos facelo o mellor que poidemos e con honestidade.

    O que che quero dicir á cara, é que para acusar a alguén de mentir hai que facelo con argumentos que expliquen o motivo de traizoar á verdade, no meu caso vinme traizoado como outras veces polos meus e roubado da miña responsabilidade como concelleiro, que exerzo do mellor xeito que sei, con erros e acertos pero eso si, sempre con honestidade,e só dixen o que sucedeu co maior respecto a verdade que se pode ter, e perdoa pero só se insulta á intelixencia cando se pensa que un ten a verdade absoluta e que os demais non teñen dereito a ter unha opinión diferente a túa, neste tema hai un problema de decisión política o de substituir ou non estas árbores enfermas de armillaria, poderíase tratar ou non as árbores pero porque non entras nas dificultades técnicas e económicas de facelo, e tratar de insultar a un enxeñeiro técnico agrícola con formación nestes asuntos con palabras como as túas paréceme que éso si que é insultar a intelixencia para arrimar a ascua a tua sardiña.
    Por certo doute a noraboa por ser publicado xa que a miña opinión foi amordazada e non publicada neste medio cousa que nunca sucedera.

    Martín Seco García

    18 de novembro de 2010, 17:56

  • O que me faltaba por ler.
    Pódese estar ou non de acordo cunha opinión, máis un cargo elexido polos votos da poboación debe mostrar respeto cara ela, esté ou non na vila, e tí non eres dos que estás senon dos que está de paso
    Dito o anterior subscribo o que escribe Constanza na súa totalidade, así como tamén aviso que son un anónimo xa que me peta, e non teño por que decir quen son.
    Por certo que tampouco é obrigatorio vivir en Vilalba para coñecer e saber como está o ambiente, hai moitas formas de informarse, mesmo a traveso da Voz de Vilalba ou do Blog de Martín Seco García.A estas alturas con ises argumentos, estámosche ben.

    FENDETESTAS

    20 de novembro de 2010, 10:47

  • Ou non entendiches o que escribin ou non pretendes entendelo. Eu respeto todas as opinións faltaría mais, gustame que sexa así, vivan ou non en Vilalba, pero non me referia a iso senon que se utiliza un nome falso por parte dos responsables da web para non dar a cara con certas opinións, así que non confundas porque non creo que eu diga eso que ti dis. Maximo respeto por todas as opinións e pola liberdade de expoñelas. Eso de que estou de paso será porque todos estamos neste mundo en esa condición, pq son e serei vilalbes sempre, mais que lle pese a algún, eu non teño a culpa de ter que ganarme os garbanzos fora. Aquí a única persoa que foi amordazada e censurada fun eu nesta web, pero eso non debe ser importante para ti no sé porque. Martín Seco

    20 de novembro de 2010, 16:08

  • Esto e para responder a Martin, que fai moito tempo que conozo e por eso non vou dicir o meu nombre.

    Mira Martin poiudo dicir que es un bon rapaz pero ahora mismo estades tanto ti como o resto do PSOE nas berzas, estades dando vergonza e non facedes o traballo para o que votamosos. Se averiguases un pouco ese ingeniero agricola que defendes ten unha empresa que fai proyectos, e non fai falta ser moi listo para saber que sendo do PP para quen fai proyectos esa empresa, e adiviña porque o ayuntamiento lle interesa facer estas obras e non outras. Claro que se investigaras un pouco e escoitases o pueblo, pero para eso tes que vivir en Vilalba. Non se trata de arboles, vosoutros seguide asi e as eleccions na porta a ver que pasa.

    20 de novembro de 2010, 19:31

  • estou dacordo con eso de que estamos dando vergoña. Son consciente de eso pero algúns estamos apartados da capacidade de decisión no partido. Eu non defendo o técnico do concello defendo neste caso a sua capacidade e coñecementos neste tema e dende logo son consciente desas actuacións e non estou dacordo con elas pero non son ilegais e por desgracia outros deciden. O problema non e de kilómetros e de non poder traballar cos teus propios compañeiros, examina os dous primeiros anos de lexislatura e verás como a distancia con traballo non é tal. Non sei quen eres pero saudos pq as cousas con respecto sempre son aceptables. Martín Seco

    21 de novembro de 2010, 15:47

  • o que pasa nas eleccions dígovolo eu, baixa tres ou catro o psoe, sube un o bloque e os outros para o pp. xa veredes. voltamos a hai 8 anos. o psoe tiña a oportunidade da sua vida e deixouna pasar, e ademais, non importa quen se presente polo pp, como si poñen a estatua de fraga, e os outros que sigan a filarse, que xa se sabe a quen beneficia.

    21 de novembro de 2010, 15:47

Danos a túa opinión