Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 26 de novembro do 2010

Meu querido Antón:

Aquí tes outra carta máis para a nosa colección espistolaria que xa vai ben chea. E, de que che vou falar hoxe?. Cando che escribo, penso nos temas que che interesen a ti, claro, pero tamén teño en conta aos oíntes ou lectores que participan dun xeito ou doutro nas nosas comunicacións. Pois ben, debo dicirlles a estes amigos que onte, cando te chamei para saber de ti, a túa muller díxome que saíras para a igrexa da parroquia. Quedei abraiado, pois xa sei que ti disimulas ben as túas crenzas e sabes quedar coma un perfecto fregués diante de todos os curas, pero, meu amigo, a min non me enganas, eu ben sei que non es moito de ires pola igrexa os días que non son domingo ou festa de gardar, como se dicía antes: a devoción non che da para tanto. Menos mal que a túa dona aclaroume o asunto, xa que, polo visto, o que fixeras era achegarte pola igrexa para deixar unhas cousas en Cáritas Así comprendín axiña a túa visita apostólica, porque, en efecto, nese asunto da solidariedade teño que recoñecer que non disimulas nadiña. A túa xenerosidade está garantida, e, ademais, sabes gardar aquel dito evanxélico de que a túa man esquerda non saiba o que fai a dereita, ou viceversa. Visto o asunto, pensei que hoxe tocaba falar de Cáritas, unha organización moi recoñecida en España, que, por desgraza, está especialmente presente nos informativos a causa desta crise económica que nos abura e que multiplica as necesidades dalgunhas familias, cada vez máis, mentres que outros moitos seguimos a consumir o que non ten nome. As desigualdades sociais aumentan e a xenerosidade non avanza ao mesmo ritmo. Non está mal que, cos seus informes, os dirixentes de Cáritas nos tiren polas orellas e nos poñan ben coloradiños diante dos nosos esquecementos e os do Estado

. Pero ti non querías que hoxe falaramos disto, e eu trato de cumprir, pero déixame dicir, para quen non o sabe, que esta boa institución da Igrexa, xunto con Mans Unidas – a Igrexa tamén ten cousas boas – non só axuda ao necesitado senón que tamén se preocupa de motivarnos a todos para lograr que non existan estas necesidades, é dicir, que haxa máis xustiza e igualdade. Agora, por exemplo, están cunha campaña moi interesante para que, en pouco tempo, non haxa ninguén sen teito onde se gardar da chuvia e da friaxe. Algo se move, aínda que moi lento. En Vilalba tamén hai un bo grupiño de Mans Unidas en colaboración con Cáritas parroquial. Por se non o sabías

Pero, en fin, ti o que querías era que che falara do acontecido o sábado pasado naquela xuntanza convocada na alameda a raíz do asunto do castiñeiro rabenado, co seu tronco aparentemente vivo e prometedor, pero afectado, seica, por fungos mortíferos, segundo o técnico que asesorou ao alcalde. Dixéronche que eu andaba algo incomodado e de mal humor. O que tiña era moita friaxe no corpo, pero tamén é verdade que non andaba eu moi católico, con perdón. Explícoche

Como alí se repetiu, a convocatoria que nos axuntou non era tanto para nos laiar da morte da árbore cortada senón para presentar en sociedade un grupo virtual ou unha Plataforma, como lle chamaron, que co nome de “Alameda espazo da memoria” tenta defender os espazos vilalbeses máis significativos, que aínda conservan algo de natureza fresca. Defendelos, digo, desa manía que lles entrou aos gobernantes de aquí e doutros lugares da nosa terra, pola que se emperrechan en facer urbanismo cubrindo todo resto de verdor con cemento e pedra adulterada, estilo mosaico, moi propicia para esborrexermos os que xa temos unha certa idade. Esta Plataforma tamén trata de defender do descoido e dos abusos ás poucas árbores que aínda quedan en pé. As podas que lles fan, segundo ti me dis, son moi abusivas, seica. Eu disto non entendo

Pois ben, alí estivemos, e alí estiven eu, confésocho, con algo de mal humor. Ti non viñeches acompañarnos, pero estaba o teu fillo, cousa de agradecer, pois non é moi amigo de desprazamentos. Supoño que xa el che terá explicado polo miúdo o que alí pasou. Ou poida que non, pois contigo, testán indomable, todo remata en discusións imposibles, e seguramente optou por calar. Se el non che coutou, tocarame a min dicirche algo, e aproveitar para che aclarar a nova que che deron do meu mal humor que tampouco era para tanto

O acto desenvolveuse segundo o previsto: unha presentación dos organizadores para explicar o sentido da Plataforma que nos convocaba; despois, unha sentida declamación poética do Sesé, moi emotiva, e con exaltado discurso introdutorio, á vella usanza, tan doído coma esperanzado. Foi seguido pola intervención de María Xosé Lamas que nos ofreceu un poema preñado de lirismo, con moita intención, limpo e preciso. Finalmente, procedeuse á lectura do manifesto elaborado polos organizadores e pronunciado polo teu homónimo, o noso escritor Antón Baamonde, con breve introdución da súa autoría, moi pertinente. E coa música de Buxos Verdes que estivera ambientando toda a mañá rematou a convocatoria

Foi, como che dixen, Antón, un acto breve dos que a ti che compracen. E abofé que non estivo nada mal, ata o punto de que non me estraña que os responsables dixesen aos medios de comunicación que fora todo un éxito. Vistas as circunstancias si que o foi. Pero, no que a min se refire, confésoche que, efectivamente, non me atopei moi a gusto. Primeiro, porque botei de menos a moita xente. O tempo estaba tan desapracible e tan desagradable que moitos non ousaron afrontarse ao frío, á aquela chuvia persistente e á humidade suíña que nos abafaba: poida que, dos cincocentos esperables, houbera uns cincuenta, o que lle restou esplendor a unha boa idea. E segundo, porque houbo tamén un incidente que non me agradou: apareceu por alí un rapaz, con uniforme laboral dunha empresa de publicidade, que se puxo a repartir unhas follas cun debuxo de caricaturas, tecnicamente ben realizado, pero cunha intención dabondo malévola. Alí se presentaba a Martín Seco coma cómplice dos desaguisados do Concello e, por tanto, coma adversario do que a Plataforma estaba a defender. Os que pagaron ao pintor e á empresa de publicidade non se identificaron nin deron a cara en ningún momento, aínda que non é difícil adiviñar de quen se trataba. Foi algo moi feo que me alterou o humor: mal comezamos, pensei. Estábase a crear un clima de conflito onde non o había, onde había, máis ben, un acordo de base suficiente para que todo fose polo bo camiño e que a Plataforma resultase un movemento interesante do conxunto do pobo vilalbés. De feito, o concelleiro Irimia tamén estaba no acto, aínda que non o puxeron no debuxo. Debo dicirche axiña que, ao remate, os organizadores apresuráronse a comunicarlle aos xornalistas que eles nada tiñan que ver con aquel debuxo inoportuno e que tampouco tiñan coñecemento de tal iniciativa. Menos mal, pensei, non esperaba outra cousa, pero confeso que eu xa estaba algo desacougado porque aquilo coincidía cun conflito previo e desagradable que me tiña preocupado: A Voz de Vilalba, un xornal que aprecio e no que, como sabes, colaboro, tíñase negado, polo visto, a publicar unha carta de Martín na que trataba de explicar a súa posición fronte a acusacións, aparecidas no xornal, que lle pareceron inxustas. Eles saberán por que o fixeron, pero dígoche con franqueza, meu Antón, que aquela decisión non foi do meu agrado, e se por riba aparecía aquel debuxo con intencións pouco claras, non axudaba a cambiar o estado de ánimo. Certo que a aclaración dos organizadores, rápida e eficaz, reconfortoume e deume esperanza de que o diálogo cos do xornal volva repoñer orde nas boas relacións que existían e que cumpriría manter polo ben de todo e de todos. Así llo comentei ao teu fillo que, por certo, concordou comigo

Pouco máis che podo contar. A non ser aconsellarche que leas, no xornal El Progreso, na súa sección da Chaira, un artigo moi xeitoso escrito polo noso común amigo Chema Felpeto. Alí fai un canto apreciable de algo tan necesario na vida social como é a mobilización da chamada sociedade civil. Supoño que non sabes o que iso de sociedade civil. Explícoche: con isto quérese aludir ao feito de que as xentes dun pobo sexan quen de se xuntaren para defender algo no que moitos coinciden, aínda que politicamente teñan moitas diferenzas en militancia ou simpatía. Os que teñen algún cargo que lle impón un comportamento oficial non se considera sociedade civil. De feito na Plataforma da que che falei – iso da Alameda, espazo da memoria – hai xente de todos os partidos e hai persoas, en cantidade apreciable, que seguramente non teñen unha simpatía política ben identificada. Efectivamente, os movementos da chamada sociedade civil, da que fala o Chema, é o mellor camiño para ir creando, co tempo, actitudes políticas serias, informadas, responsables e máis preocupadas polos obxectivos da sociedade que por outros intereses, ás veces pouco claros, que tanto mal lle están a facer á vida política

Remato e non é sen tempo. Doutras noticias recentes da nosa vila, quixera destacarche unha, porque sei que che interesa persoalmente: fóisenos para a eternidade a Pepita do Vixoco coa que mantiñas unha boa relación de veciñanza e mesmo de amizade. Xa ves, daquela familia numerosa de moitas irmás, apreciadas entre a xente do pobo, só nos queda a Elita que, por certo, segue estas cartas con atención cada semana. Desde aquí ti e máis eu, que por riba son parente dela, mandámoslle o noso pesar.

Recibe, amigo Antón, esta aperta semanal do teu amigo

Bernardo

26/11/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión