Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 29 outubro 2010

Meu querido Antón:

Hai que ver como pasa a semana nun santiamén. Non sei se non será ousado en demasía pretender unha carta cada sete días, pero, en fin, temos ese pequeno compromiso e hai que tratar de cumprir.

Polo que vexo, xa estás ao tanto de que o domingo pasado non puiden acompañar á xente do IESCHA no percorrido da fermosa ruta do poeta Fiz Vergara aló polas terras do Lóuzara. Malia un tempo desapracible que, polo visto, non deixou contemplar no seu esplendor a beleza do percorrido, a nosa xente non se arredou, e foron más de sesenta os camiñantes que se arriscaron e que, por certo, regresaron moi contentos da súa aventura. A ruta dedicada ao poeta está, seica, ben pensada e ben sementada no seu percorrido con fermosos poemas producidos por aquel home eivado que soubo elevarse por riba dos seus males, a buscar palabras para cantar a beleza, tanto externa, a da paisaxe, como interna, a dun espírito vivo que transmite pesares, loitas, esperanzas e mesmo optimismo, malia ter unha vida, a súa, limitada en exceso.

En cada recanto da ruta do Lóuzara, está previsto que os participantes se deteñan a ler con calma ou mesmo escoitar o recitado de versos inspirados. Xa non é a primeira vez que o Instituto programa marchas deste tipo. E así, os nosos camiñantes chairegos van pouco a pouco descubrindo as diferentes rutas deseñadas en variados territorios de Galicia, e deste xeito imos aprendendo a conectar a vivencia espiritual da nosa cultura en harmonía coas nosas paisaxes sempre sorprendentes e nunca de todo descubertas.

Sen embargo, en Vilalba, que eu saiba, non hai ningunha ruta deseñada como tal, aínda que os do IESCHA xa deixamos feitos algúns percorridos iniciáticos por aqueles lugares que quizais algún día serán organizados, coa debida estela cultural, para invitación da moita xente á que lle presta camiñar por descubrir a beleza do propio, contemplada con ollos novos. Ti mesmo, Antón, que xa me tes acompañado nalgún de tales paseos, estou seguro de que estás disposto a seguires arrastrando os teus oitenta e moitos anos para gozarmos xuntos de tanta beleza. Iso si, os organizadores terán que ter en conta que tanto a ti coma a min non poderán esixirnos o mesmo sacrificio nin a mesma presteza coa que se moven os que son tan atléticos coma o Revés, por exemplo. Iremos amodiño, que non nos apresuren. E con tal cautela, acóllome á túa palabra e aos teus azos, e con eles animo aos dirixentes da nosa Asociación cultural para que non se demoren en deseñar rutas similares ás do Lóuzara ou ás de Castro de Rei, todo ao longo e ancho do noso territorio vilalbés. A comezar, claro está, polos camiños que nos leven á mítica Pena do Encanto que temos en completo abandono. E terán que ser os destas asociacións culturais quen se ocupen de o facer, porque teño o pálpito de que os do Concello non deben estar moito polo labor: a oposición anda algo murcha en ideas e o grupo gobernante non se caracteriza precisamente por fecundar ideas deste tipo. De poñerse a facer algo neste senso, moito me temo que encherían de cemento os arredores dos nosos ríos, e iso non é o máis desexable, supoño. Claro que non todos os populares son tan cegatos e seguramente haberá máis de un que se mostre disposto a colaborar en facer as cousas ben.

A propósito disto, non sei, Antón, que che responder a unha cousa sobre a que me interrogaches varias veces. Todos, coma ti, andamos moi curiosos por saber a finalidade dunhas obras que, desde hai algún tempo, se están a facer na alameda. Non che sei responder. Eu paseo por alí a diario e, polo que percibo, teño a impresión de que están repoñendo os pasos de peóns e canalizando as augas da chuvia. Sei tamén que tiveron que cortar algunhas das árbores que secaron na parte alta da alameda, pero ignoro se pensan repoñelas ou substituílas por máis cemento.

O que máis me confunde é non saber se existe algún proxecto serio e pensado na cabeciña dos que mandan: estou, coma todos, a velas vir. E paréceme que, de haber proxecto, non estaría mal que nalgún lugar da vila se mostrase á cidadanía unha maqueta ou algún debuxo que permitira opinar. Sería unha boa ocasión para promover unha democracia participativa da que tanto se fala polo mundo adiante e da que tanto carece a nosa vida municipal. Hai que recoñecer que, cando algúns edís dos anos setenta tiveron a idea, bochornosa, pero ben intencionada, supoño, de crear o cementón que agora chamamos praza da Constitución, os que gobernaban tiveron ao menos a boa idea de facer participar á xente cos seus comentarios, por máis que, ao final, non lle fixeran caso ningún aos comentarios. Teño recordos de ver no escaparate da farmacia de don Vicente unha maqueta ilustrativa de como ía quedar aquel espazo que agora contemplamos con horror, pero, ao menos, puidémolo comentar previamente, que algo é algo. E fomos moitos os que, xa daquela, puxemos un berro no ceo ao verificar que ían cortar de raíz as árbores centenarias que ornamentaban o que fora campo da feira. Ti, Antón, sempre me andas a dicir que aquilo foi unha barbaridade, pero tamén insistes en que non se pode negar que nos tiñan avisado do que ían facer: certo que non admitiron ningunha suxestión en contrario, pero avisar, abofé que avisaron e déronnos dereito á pataleta. Xa teño dado conta máis dunha vez das bágoas de meu pai cando contemplou desde o Roca a realización sangrante do que tiñan avisado. Sen contrición de corazón e sen propósito de enmenda.

Agora, que eu saiba, meu Antón, non se presentou ningún proxecto que o pobo poida consultar. E iso que temos algo máis de democracia ca que daquela tiñamos. Alguén, o Paulo, creo, seica che ten comentado que, ao mellor, están pensando en realizar un propósito de enmenda aprazado e dannos a sorpresa de volver a encher de terra todo o desnivel que baixa da casa do concello ata a Chouzana, plantando árbores autóctonas, coma Deus manda. Non sei, pero por soñar que non quede.

E por hoxe xa vai ben de discursos babecos. Cóidate e soña. Unha aperta do teu amigo

Bernardo.

01/11/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión