Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Meu amigo Antón:

Ben sabes que hai moita xente dos que escoitan ou len estas cartas que teñen moito empeño por saber quen es ti, pero non te preocupes, eu sigo fiel á miña promesa de non dicir nada que te poida comprometer. Ti, coma tantos outros, precisas do anonimato para poder expresar o que levas dentro, porque, malia todas as modernidades democráticas, aínda queda moita xente que non quere dicir o que pensa por non se indispoñer cos que mandan, non vaia ser que perdan influenza cos que poden facerlles favores. Perdoa, Antón que cho diga, pero ti es destes tales, aínda que debo recoñecer que tes algo distinto da maioría, porque, efectivamente, non queres que te recoñezan, pero non deixas de buscar o xeito de que alguén diga abertamente as críticas que ti queres facer, e resulta que acabo sendo eu quen ten que dar a cara para que ti quedes oculto, pero as túas palabras saian á luz. E xa está ben, meu amigo, estou farto de facerche de portavoz. Así que hoxe, Antón, non hai críticas.

Xa, xa  sei que hoxe andabas coa ilusión de que falaramos dese asunto que anda na boca de moitos vilalbeses. Tremenda perrencha colliches cando te informaron de que cortaran un dos castaños máis vellos da alameda, un dos que dá á rúa principal do noso pobo. Non fai falla que insistas, pois eu ben sei que non se trata dunha árbore calquera e que ben merece unha palabra de defensa. Ninguén dubida de que, aparte da súa fermosura vexetal, ese castaño é tamén un icono, unha imaxe, unha das compoñentes esenciais dese cadro pintoresco do noso pobo que permanece nos ollos e na memoria de quen nos visita. Polo  tanto non deberamos permitir que tal perspectiva se esborralle da noite para a mañá.

Xa che dixen que nisto cadro de acordo contigo, pero, que queres, tamén ti estarás de acordo comigo en que, se por desgraza, esa árbore está morta, non queda máis remedio que cortala e substituíla por outra. Ata aquí non hai problema: ambos concordamos e teremos que dar o asunto por acabado. Pero resulta que non. Ti queres que eu engada un comentario teu, pero coma se non fose teu. O home desconfiado, malicioso e retranqueiro que ti es anda a cismar en que, se cadra, os gobernantes do concello tiñan interese en substituír por outro máis novo aquel vello castiñeiro, porque as súas raíces rebeldes impedían recubrir de cemento ou pedra o pavimento que andan a renovar por toda a alameda. Así que o que bule na túa cabeciña é unha pregunta que seguramente moitos non se fan e que ti queres que eu a poña aquí: quen decidiu que efectivamente aquel castaño estaba morto?. Foi de verdade un técnico?. E a pregunta, segundo ti, ten senso, porque, cando por fin se cortou, ata o menos entendido podía ver claramente que o vello tronco tiña vida, seica, para moitos anos.

E xa está, eu non quería dicir máis, pois xa che dixen que hoxe non era día de críticas, pero ti, teima que teima, veña insistir en que, polo visto, o alcalde díxolles aos da oposición que, segundo informes dos técnicos, alí non había nada que facer: o castaño estaba morrendo e había que cambialo. E ti queres saber onde estaban tales informes e quen os fixo, porque tendo pretiño de nós unha facultade universitaria de estudos forestais, o lóxico é que se acudise a ela, xa que alí están os que, supoñemos, máis saben diso. E non parece que o fixeran. Ti estás mesmo convencido de que seguramente non houbo informe ningún, e a cousa era merecente de ser estudada porque, insistes, aquela árbore non era unha árbore calquera.

Xa cho dixen, non quería falar disto, pero xa que cheguei ata aquí, hei dicir tamén algo que che resultou moi chocante, e confeso que a min tamén. Como é sabido, os concelleiros da oposición creron na palabra do alcalde e non tiveron a malicia de preguntar polo informe pertinente, pero entón apareceron “outros” socialistas que, sen contar para nada cos compañeiros que están na corporación, presentaron pola súa conta no concello unha protesta polo asunto do castiñeiro. Coma se foran unha oposición da oposición. Iso paréceme incoherencia. Non a protesta senón o xeito de facela. Así vai, amigo, a política local e así lle vai á vida vilalbesa. Triste e lamentable.

Pero, meu Antón, fixéchesme estender en demasía, porque eu non quería andar nesta temática. Na carta de hoxe quería falarche dun home, o artesán José da Ferrería con quen andaba eu distraído e ocupado cando me chamaches polo móbil. E quería falarche del, porque andei a matinar na sorte que ten un pobo de que nel habite unha persoa dese valor. Verás: por moi moderna e actualizada que se nos volva a vida, a nosa Vilalba non pode prescindir dunha figura social coma a do José. Posiblemente pase desapercibido para moitos, xa que desta xente non se fala nunca nos xornais e na radio, pero, sen embargo, resultan imprescindibles para quen vivimos nesta sociedade de gran consumo, tamén nunha vila coma a nosa. Ti ben sabes de quen che falo, e sei, Antón, que che comprace que poña aquí o seu nome, pero aos oíntes e lectores teremos que explicarlles de que se trata. Pois ben, todo o mundo sabe que, antes, nos vellos tempos dos que agora son avós, cando mercabamos algún artefacto ou utensilio para uso doméstico, sempre había nas casas alguén, algún manitas, con habilidade dabondo para facer pequenos amaños que eran precisos para que tales aparellos seguisen en funcionamento todo o tempo posible. Agora, iso xa non é así: en moitos casos e en moitas casas xa non hai quen saiba algo tan simple coma cambiar os plomos da luz. Hoxe compramos utensilios, electrodomésticos por exemplo, que, no caso de que comecen a fallar, xa nos parece que non queda outra que desfacerse deles e mercar outros noviños do trinque. E tal cousa é, ás veces, un xeito idiota de tirar os cartos porque son pequenos fallos que, se tivéramos as habilidades de antes, poderiámolos reparar para que durasen moito máis tempo; pero ti ben sabes, meu Antón, que non é así: xa perdemos toda habelencia práctica. E non nos queda máis ca un dilema: ou acudimos ao comercio a mercar o novo, ou, como facemos moitos, chamamos ao José da Ferrería. E, claro, o bo do José non da feito, porque son moitas as casas vilalbesas onde hai sempre alguén que, en tales circunstancias, solta a sentencia inapelable e sensata: “hai que chamar ao José, a ver se pode vir axiña”. E, se por riba, resulta que o tal José é moi honrado, como é o caso, a chamada sempre é produtiva. Por iso quería falarche del nesta carta, e así o fixen. Eu ben sei que te xuntas ás miñas palabras para agradecermos xuntos que exista o José da Ferrería e os que son coma el, aínda que nunca deles se lembren todos os xornalistas.

E con todo isto, a carta saíu longa de máis. Creo que é a máis longa das que che levo escritas. Remato, pois, coas apertas de sempre do teu amigo

Bernardo

13/11/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión