Concentración cívica en Vilalba a prol da Alameda

Redacción


A Plataforma “A Alameda, espazo da nosa memoria” convocou unha concentración cívica para o vindeiro sábado 20 de novembro en Vilalba, coa finalidade de reclamar aos xestores municipais a defensa dos espazos públicos atendendo a criterios de sostibilidade e respecto ao patrimonio natural e cultural da Terra Cha.

Esta iniciativa xurdiu de xeito espontáneo o pasado 7 de novembro, debido á indignación de moitos veciños de Vilalba pola tala dun dos simbólicos castiñeiros de indias da Alameda Basanta Olano, ordenada polo Concello. A isto hai que engadir a tala de pradairos no mesmo contorno urbano e o cambio do pavimento tradicional de grava por outro de pedra, unhas medidas que están a ser mal recibidas por numerosos sectores da sociedade vilalbesa, descontentos coa actuación municipal.

O grupo municipal de Goberno argumentou a súa decisión nuns informes técnicos que foron cuestionados por algúns membros da oposición, a organización ecoloxista Adega, varios expertos en Bioloxía e diversas entidades culturais da comarca chairega.

Dende que se deu a coñecer a convocatoria da concentración cívica, o pasado venres, a iniciativa foi respaldada en poucas horas por máis de 300 persoas nas redes sociais de Internet. Segundo fontes da Plataforma "A Alameda, espazo da nosa memoria", agárdase que antes do vindeiro sábado o apoio dos internautas -a maioría deles da Chaira- chegue ás 500 persoas. Por outra banda, estánse a producir adhesións de diversos persoeiros e entidades do mundo da cultura, cuxa relación completa daráse a coñecer a finais desta semana.

O acto programado para o sábado 20 de novembro será presentado polo xornalista Moncho Paz e contará coa presenza de Antón Baamonde, escritor e ensaísta nado en Vilalba, que será o encargado de ler o Manifesto da Plataforma. Estarán acompañados por dous poetas chairegos, María Xosé Lamas e Francisco Roca Constenla, mentres a nota musical correrá por conta do grupo Buxos Verdes. Asemade, está previsto que ata o venres se realicen distintas actividades didácticas nos centros educativos da nosa vila, co obxectivo de sensibilizar aos máis novos coa protección do medio ambiente.

14 de nov. de 2010

4 comentários :

  • Xa era hora de que alguén tomara a inciativa. Do PP xa ninguén agarda nada pero ¿onde coño anda a oposición? Estarei o sábado na alameda

    21:57 do 15 de novembro de 2010

  • Eu estou dacordo con esta obra que se fai na alameda sempre que se plante outra arbore como é o caso e a oposición non ten porque estar dacordo con a iniciativa tomada por este grupo de manifestantes. É un pecado estar dacordo coa iniciativa tomada polo goberno municipal. Aceptemos que se pode discrepar neste tema e noutros. Pepita

    03:27 do 16 de novembro de 2010

  • Para min é unha manifestación cívica diante dunha obra que afecta ao patrimonio de todos os vilalbeses/as, cun toque moi importante, que é o da afectividade. Eu e os meus estaremos na Alameda. María Xosé.

    20:55 do 16 de novembro de 2010

  • Esta concentración demostra que a sociedade vai por diante dos poderes políticos, que deberian tomar nota.
    Tamén estarei na Alameda, é de Xustiza, non se pode desmantelar a identidade dun pobo tan alegremente como se fai en Vilalba, exemplo de medre e de desenrolo nada sostibel.
    Tampouco creo que ser votante popular xustifique o desaguisado, e de seguro que haberá populares na Alameda.

    FENDETESTAS

    10:54 do 20 de novembro de 2010

Danos a túa opinión