Cristina García Rodero amosará en Santiago a súa persoal visión dunha Galicia intemporal

Redacción.-

O Camiño Contemporáneo de Xacobeo 2010 continúa achegando a Galicia algunhas das propostas culturais máis interesantes do panorama internacional. Á exposición de Candida Höfer, que podedes ver en San Martiño Pinario e na Biblioteca da Cidade da Cultura, súmase a partir do 18 de novembro unha mostra da prestixiosa fotógrafa Cristina García Rodero, primeira española admitida como membro de pleno dereito na axencia Magnum. Transtempo, comisariada por Miguel von Hafe e María José Villaluenga, inaugurarase o 18 de novembro, ás 20.00 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e estará aberta ao público ata o 13 de febreiro.

Todo un referente na fotografía española contemporánea, Rodero presenta agora en Santiago Transtempo, unha selección de imaxes tomadas dende 1974 ata a actualidade que ofrecen, por primeira vez de xeito estruturado, a súa persoal visión dunha Galicia intemporal, onde a relixión e os mitos pagáns se entrelazan nun relato que atravesa varias xeracións. Transtempo está chea de detalles que sorprenden o espectador: aquel ancián que no Entroido de Verín tenta bicar unha muller que non semella sequera pórlle atención, a ofrecida no caixón co seu abano e os seus lentes escuros en Santa Marta de Ribarteme, a muller que sostén orgullosa unha cabeza de peixe na lonxa de Vigo, a avoa infranqueable de Xende, todos os personaxes foron captados cunha ollada que os retira do anecdótico para fixalos como paradigmas dun xeito de celebrar a vida.

Nacida en Puertollano, García Rodero recibiu ao longo da súa carreira premios como o Nacional de Fotografía (2006), o Bartolomé Ros de PHotoEspaña (2000) ou o World Press Photo (1993, 1997 e 2008), como recoñecemento ao seu labor.

Xacobeo 2010 ofréceche a oportunidade de ver a obra desta creadora que en 1973 se formulou o reto de fotografar costumes e festas de toda España: imaxes que percorren con precisión un determinado contexto social e xeográfico e que falan daquilo que as persoas senten, olen, respiran, da condición humana, en definitiva, e da súa transitoriedade.

Transtempo. Do 18 de novembro ao 13 de febreiro no CGAC.

Fotografía: Cristina García Rodero/Magnum Photos

16 de nov. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión