En clave de gaita

Xulio Xiz.-

Onte, no cemiterio de Duarría seguimos unha comitiva fúnebre mentras unha gaita tocada por Raúl Galego, un dos mellores gaiteiros de Galicia, interpretaba a Marcha solemne do antigo Reino. E do mesmo xeito que a gaita reflicte o mellor dos espíritus ledos cando interpreta cancións alegres, tamén pode soar tristeira cando a ocasión o pide.

Lembro que cando eu era moi pequeno morreu un neno na Porta de Cima, e seus pais chamaron a un grupo de gaiteiros que acompañaran a fúnebre comitiva que seguía a aquel pequeniño cadaleito branco.

A gaita de Sito Carracedo soou hai unhas semanas en Bonxe de Outeiro de Rei cando entraba no nicho o cadaleito co corpo de quen fóra o Indalecio, Indalecio Lombao Gómez, histórico alfareiro de Bonxe.

Parece como se o rito esixise que fose unha gaita sóa a que soase tristeira na última despedida dun ser querido. Neste caso, dun alfareiro humanísimo, amigo de todos, e co que eu levaba máis de corenta anos de relación amistosa.
O segundo sólo de gaita foi na Pastoriza, o sábado pasado, onde se rendía homenaxe ó patriarca da saga dos Seivane, Xosé Manuel Seivane, avó dunha das máis famosas gaiteiras do mundo coñecido.

Na homenaxe estaban a súa neta, Susana; o gaiteiro lucense xa mencionado, Sito Carracedo, e Raúl Galego, que naceu na Golada e agora anda facendo patria coa gaita por terras coruñesas. Raúl levaba para que todos a vísemos unha gaita que Xosé Manuel Seivane lle fixo hai trinta e seis anos, e que ten como unha auténtica xoia. E esa gaita sonou para poñer punto e seguido na homenaxe a Seivane. Como logo tocaría tamén a súa neta, Susana Seivane, que no nome da Irmandade Manuel María e Xermolos lle entregou a placa de homenaxe.

E para completar a miña lembranza en clave de gaita, a tocata de onte pola tarde, en Duarría, no cemiterio da parroquia á que pertence Castro Ribeiras do Lea, onde dábamos o último adeus a Baldomero Iglesias.

Só os máis veteranos dos oíntes vilalbeses saberán quen era este home que foi garda civil en Vilalba hai máis de medio século, e aquí naceu entre outros o seu fillo Mero, fundador de Fuxan os Ventos e A Quenlla. Baldomero pai tiña 99 anos, e un aquel de señorío e bonhomía que facía que todo o que o coñecera fora amigo seu.

Raúl Galego, que é amigo vello da familia, foi o encargado de facer oír a voz do país, e de todos nós, tocando tristeiro a súa tristeira gaita.  E nós, detrás, como “garda de corps” dun home bo, patriarca dunha familia numerosa e benquerida.

En tempos, houbo poética discusión entre os grandes se a gaita galega ría ou choraba cando facía escoitar a súa música... O certo é que a gaita permite todas as claves posibles para entender o sentemento humano.

A gaita de Raúl Galego, na homenaxe a Xosé Manuel Seivane soaba coa ledicia dos anxos que presencian a gloria do Señor. A gaita de Sito Carracedo en Bonxe, e gaita de Raúl galego onte en Duarría soaban a tristura, a desgracia, a perda irreparable. A gaita permíteo todo. Sempre que haxa -Becquer díxoo da arpa- un bo gaiteiro que saiba acariñala.

23/11/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión