Educación e linguas en Galicia

Redacción.-

O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela dá un paso máis no seu propósito de traballar no cada vez máis vertixinoso campo da edición dixital sacando á luz o seu primeiro ebook, Educación e linguas en Galicia, coordinado por Bieito Silva, Xesús Rodríguez e Isabel Vaquero.

O volume, que non coñece forma impresa, presentouse este xoves nun acto ao que ademais dos coordinadores asistiron o vicerreitor de Cultura, Javier Garbayo; a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco, quen o cualificou de “fito editorial histórico na USC”.

A evolución dos contidos e soportes dixitais experimentou un avance desbordante nos dous últimos anos, e cara aí avanzan as editoriais universitarias. En concreto, a USC pretende que a maior parte da súa obra editada forme parte do repositorio dixital, de carácter aberto e sen restricións de consulta.

Contexto apropiado
Recóllense no volume os relatorios dunhas xornadas que a USC, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e das Comisións de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e da Escola Universitaria de Formación do Profesorado, organizou en novembro do pasado ano, “nun contexto de confrontación exacerbada sobre o funcionamento lingüístico do sistema educativo e sobre o papel social da lingua galega”, aclaran os coordinadores no limiar. “A nosa intención era contribuír ao debate dende unha reflexión serea”, explica Bieito Silva.

Nese encontro tratábase de analizar e debater sobre o modelo lingüístico máis acaído para o ensino non universitario en Galicia dende os puntos de vista político e educativo e estimular os centros formadores de profesorado para melloraren a formación lingüística dos futuros docentes de xeito que se satisfagan as demandas do sistema educativo. Deste xeito, o volume que hoxe se presenta aborda a cuestión desde varias perspectivas complementarias como a política, a académica e a escolar.

Perspectiva universitaria
Fernando Ramallo, profesor da Facultade de Tradución da Universidade de Vigo, diserta sobre a situación social da lingua galega co obxectivo de ofrecer unha imaxe certeira dende un punto de vista científico. Xa baixo o título ‘O sistema escolar galego e as linguas’, o profesor de Ciencias da Educación da USC Bieito Silva Valdivia ofrece, en perspectiva retrospectiva, unha análise do modelo lingüístico que foi definindo a lexislación sobre as linguas en Galicia.

No artigo ‘Usos lingüísticos e ideas sobre as linguas do alumnado de Ciencias da Educación da USC’ se ofrece o resultado dun traballo de investigación dirixido a explorar o perfil sociolingüístico deste colectivo universitario, a súa experiencia lingüística escolar e as súas ideas e concepcións sobre as linguas en Galicia.

Xa na táboa redonda sobre propostas para a formación dos futuros docentes en relación coas linguas e co seu ensino, os profesores Ignacio Palacios e Francisco Xosé Candia Durán explican a situación nos seus correspondentes centros e nos plans de estudo das respectivas titulacións, así como os cambios necesarios para garantir unha formación lingüística, sociolingüística e psicopedagóxica que permita aos titulados enfrontarse con garantías ás súas tarefas profesionais.

Finalmente, no que respecta ao ámbito universitario o profesor da USC José Manuel Vez analiza nunha contribución titulada ‘Linguas e globalización en Europa’ a implementación das políticas europeas a prol do multilingüismo e a pluralidade lingüístico-cultural no ámbito da aprendizaxe de linguas, os diversos modelos e os seus resultados, co pano de fondo da tensión no ámbito europeo e mundial entre uniformidade e diversidade lingüística.

Achega política
Nas xornadas Carme Adán (BNG), Guillermo Meijón (PSdG-PSOE) e Román Rodríguez (PP) trasladaron as posturas de cadanseu grupo político parlamentario arredor da cuestión, nunha mesa redonda que no volume se enriquece coa achega do público no coloquio posterior. Anxo Lorenzo, secretario xeral da Xunta de Galicia, como principal responsable e definir a política lingüística do Goberno galego nun momento de especial tensión social, ofrece tamén a súa visión do tema.

Proxectos escolares concretos
O Proxecto Burela presentouno Cristina Loureiro como unha acción de integración social e lingüística. Pola súa banda, Mercedes Queixas, coordinadora territorial dos ENL da provincia da Coruña, e Valentina Formoso, do IES Felix Muriel de Rianxo, tratan conxuntamente as estratexias para a planificación lingüística escolar; e Xosé Lastra Muruais, do CEIP Manuel Masdías de Ferrol, fornece a súa propia experiencia neste ámbito dos plans lingüísticos de centro.

19/11/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión