Progreso ou barbarie?

Xosé Mª. Felpeto.-

Teño escrito nalgunha ocasión que non sendo a cultura patrimonio en exclusiva de ninguén en particular senón da sociedade en xeral, corresponde aos poderes públicos a súa conservación, defensa, promoción e difusión. Mais cando isto non queda garantido con certa eficacia, cando a despreocupación se apodera das institucións oficiais, soe agromar a inquedanza altruísta de persoas que pensan que paga a pena transmitir toda esa bagaxe, a herdada e a que se vai creando a diario, xurdindo daquela asociacións que tratan de cubrir ese cráter oficial.

Nesta liña de razoamento teño para min que vén ocorrendo o mesmiño no panorama político. Ás veces chega tamén o momento en que a denominada sociedade civil, farta de que os gobernantes actúen con nepotismo e en función de determinados intereses, particulares e partidistas, pasa á acción, decide tomar a palabra. No momento actual, ademais, esta alternativa vese enormemente beneficiada polas novas tecnoloxías, que facilitan e espallan as convocatorias a tempo practicamente real coa sa intención de, cando menos, facer reflexionar a quen corresponda.

Non creo desacertado deducir pois que a recente aparición en Vilalba da plataforma “Alameda, espazo da nosa memoria” sexa unha resposta cívica a unha xestión municipal tan nefasta coma insensíbel coa conciencia colectiva. A mobilización non vén só determinada pola corta dun emblemático castiñeiro centenario, feito, iso si, detonante dunha situación que lamentabelmente se repite con demasiada frecuencia. Parece que determinados dirixentes teiman en urbanizalo todo, aínda que sexa a costa do medio ambiente, da sostibilidade e do benestar. A tendencia moderna semella camiñar sen embargo en sentido contrario, e proxectos de recoñecidos arquitectos (Calatrava, Foster, etc.), contemplan amplas zonas verdes, prazas, espazos de recreo para maiores e xente miúda..., é dicir, antepoñen a humanización de vilas e cidades a calquera outro interese.

“Alameda, espazo da nosa memoria”, que nace espontaneamente a través das redes sociais, ten superado en poucas horas o medio milleiro de simpatizantes e vén recoller dalgún xeito o testemuño da indignación popular pola actuación global do goberno municipal. Quen pateamos a diario as rúas da Vila e adoitamos “prender en silvas” gozando do pracer da conversa, sabemos ben do malestar xeral. Mais, polo que se ve, aínda quedan afortunadamente en Vilalba persoas sensíbeis coa nosa memoria colectiva, que aman, que amamos, a natureza, que nos doen as podas salvaxes, que nos manca o maltrato a calquera ser vivo e que tratamos de facer que o progreso e a modernidade poidan convivir co respecto polo medio sen necesidade de barbarie.

27/11/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión