Unha illa na Coruña

Xulio Xiz

O pasado sábado tivemos festa no Rañego, xa que no muíño celebramos o nomeamento de Chairego de Honra de Felipe Senen, o arqueólogo e escritor nado no Carballiño, que na Coruña foi Director do Museo arqueolóxico de San Antón, no castelo do mesmo nome.

A Fundación Manuel María segue empeñada en ter a Vilalba como centro das súas actividades máis destacadas, e aínda non comprendo ben por qué xa que aínda que o Muíño estaba abarrotado de xente, que eu lembre agora mesmo vilalbés residente en Vilalba había un só.

Pero había en cambio tres ducias de "seniors", de maiores – homes e mulleres – co párroco de Xestoso á cabeza, que participan na UNED da comarca, ós que Felipe Senén da clase, aínda que segundo el mesmo confesou, eles son os que lle dan clase a el, que aprende destes maiores entusiastas moito máis do que el lles pode encinar.

Acompañando a Felipe Senén que non coñecía o contorno, din un paseo pequeño polo "Paseo dos Soños", á beira do río, contemplando os monumentos erguidos na honra de Manuel María, Paco Martín, Agustín Fernández Paz e Xavier Docampo, así como o lugar onde se vai colocar o próximo día trece na homenaxe que no muíño se lle vai render a Darío Xohán Cabana.

O camiño dos soños é perfecto para camiñar amodo se o tempo axuda, pero no preciso momento en que estabamos no punto máis lonxano do muíño abríronse aló enrriba as comportas do ceo e púxose a chover "a Deus dar", co que volvemos ó muíño con máis lixeireza que á ida.

Por primeira vez na miña vida vin no río unha magnífica garza real asentada nunha árbore, que botou a voar diante da nosa presencia cunha maxestuosidade imposible de describir. Sei que era unha garza real porque mo dixo o escultor Valdi, autor de dúas das pedras conmemorativas existentes no paseo, que ademáis afirmou que nos últimos anos ven sempre por estas datas ó Rañego, e que debe ser como mínimo o terceiro que tiña ocasión de vela. Para min foi a primeira vez e quedei impresionado que nunca vin tan de perto unha ave tan grande surcando o ceo da Terra Chá.

Se os vilalbeses non acuden ó Muíño do Rañego si en cambio ven xente de toda Galicia, por devoción ou por amizade coa xente que alí participa, sendo de destacar nesta ocasión a serea presencia do patriarca Xosé Neira Vilas, autor das "Memorias dun neno labrego", que recibiu o agarimo de todos os presentes.

Nesta ocasión eu non coordinei o acto, pero non puiden conterme e ó final tiven que intervir para dar as gracias ó homenaxeado polo seu labor de tantos anos a prol de todos os que acudimos a el. Coñecino xa hai trinta e cinco anos, a través do lucense Felipe Arias, entón Director do Museo Provincial de Lugo. E moi axiña comprobei que se o Castelo de San Antón, onde dirixeu o seu Museo, en tempos foi unha illa que logo se uníu a terra firma, tamén Felipe Senén é unha auténtica illa – foino sempre- na cidade da Coruña, representando as mellores esencias da cultura, da humanidade, do idioma de Galicia. E somos milleiros os que a el acudimos sempre en petición de axuda intelectual de todo tipo, atopando sempre en Felipe Senén xenerosidade sen límites para todos nós.

A festa do Muiño do Rañego trasladouse logo ó Nova Ruta, rebasado o rubicón do Fabilus, onde ademáis de xantar actuou o gaiteiro Raul Galego, ademáis de Mini e Mero.

Esto foi o sábado pasado. O trece, volvemos ó Rañego con Darío Xohán Cabana.

4 de nov. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión