Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 23 decembro 2010

Meu querido Antón:

Xa ves, amigo, unha boa coincidencia: esta carta do venres cae coa noiteboa. E non sei que ten esta data, pero algo hai neste tempo frío, moi frío, que, sen embargo, pon algo de quentura nas almas. Mesmo ti que non permites nunca a ninguén percibir posibles bágoas de emoción nos teus olliños pícaros e burlóns, mesmo ti, no día de hoxe, falas dun xeito diferente, como se as palabras che saísen dun curruncho do corazón que gardas ben pechado o resto do ano. Non sei, pero este día ten algo especial, mesmo para moitos que non celebran precisamente o acontecemento relixioso. Quizais é consecuencia dunha necesidade intensamente humana, a da tenrura, que precisa dalgún día especial para se expresar sen atrancos, dun xeito diferente. En calquera día do ano poderiamos dicirlle á xente máis querida que a queremos. E deberiamos dicirllo a miúdo, pero, por unhas cousas ou por outras, non o facemos: dámolo por suposto – xa saben que as queremos – e as rutinas diarias fannos atender ás trécolas de cada xornada sen poñer moita atención nas necesidades de afecto que todos temos.

Acordáseme que o a no pasado, cando te chamei na noite de Nadal, colleu o teléfono a túa muller e atopeina como fóra de si: comentoume que estaba amilagrada porque, polo visto, xa pola mañá, dixécheslle algunhas palabras bonitas que non lle tiñas dito desde que erades noviños e tentabas conquistala. Non paraba de me dicir: Bernardiño, estouche moi asustada, para min que este home, este teu amigo Antón, toleou. E non tolearas, non, o que pasa é que ía ser a noiteboa e, por cousas que agora non veñen ao caso, iades pasalas, por primeira vez, en soidade compartida, sos, sen fillos nin netos nin outra familia. Ela estaba triste, claro, pero calaba, e ti sentiches a necesidade de animala con aquelas palabras que lle terías que dicir moitas veces, pero, por non pareceres sentimental, gardábalas no silencio.

En fin, xa ves, o máis importante para o ser humano, ese sentimento que lle ferve a un por dentro, queda desatendido o máis do tempo. Así que, xa che digo, non está mal que haxa un día no ano para facer, sen complexos, o que deberiamos facer máis a miúdo: manifestarlle a quen nos quere o noso propio cariño. Os meus colegas sociólogos chámanlle a isto ritualizar a vida, porque, efectivamente, a vida, sen ritos, resulta unha tristura, sexan ritos relixiosos ou non relixiosos, pero ritos, ao fin e ao cabo. Se non fosen os relixiosos, inventariamos outros que, por certo, acabarían por seren relixiosos. Claro que eses rituais poden ser tramposos, e ás veces é verdade que teñen trampa, pero, por fortuna, nos máis dos casos son a ocasión de dicir unha verdade que se sente fonda e que non se di habitualmente para evitar melancolías e aparecer coma un sentimental. Grazas ao ritual, hoxe, Antón, está permitido ser algo sentimental e mesmo melancólico, así que aproveita. Eu si aproveito para dicirche, sen que serva de precedente, que ti es un túzaro insoportable, un cachazudo irritante, un escéptico inaprensible, pero tes un fondo de bondade que me faría botarte moito de menos se chegaras a faltar da miña vida. E xa está, foi unha miña concesión ao sentimentalismo que, repito, hoxe está permitido.

Claro que todo, ata as cousas máis sublimes, teñen os seus inconvenientes. Así, a manifestación dos sentimentos nuns días fixos provoca nalgunhas persoas un certo rexeitamento. Unha miña sobriña, Antía, escribía onte en facebook que estaba ata a coronilla destas festas almibaradas en demasía nas que cómpre ser felices ou ser boíños ou pacíficos ou solidarios, por decreto e a prazo fixo. O teu fillo respóndelle que pensa o mesmo. E ambos teñen razón, eu tamén, ao longo dos meus anos, tiven moitas veces a mesma sensación; pero tamén é verdade, segundo creo, que, se hai uns días nos que se nos apremia a pensar na solidariedade e na comprensión mutua, non nos ven mal aproveitalos. Xa se sabe que os que son solidarios, tolerantes e comprensivos, sono ao longo de todo o ano, pero non nos ven mal, repito, que nestes días especiais fagamos balance dos nosos comportamentos en ese aspecto. Ás veces, absorbidos nas rutinas diarias, esquecemos moitas cousas que desexariamos ter feitas.

En resumidas contas, amigo Antón, quero aproveitar esta nosa carta semanal para xuntar a miña voz coa túa para agradecer aos amigos o cariño que nos deixan dado: o saúdo diario do Xacobo coa súa lotería, o abrazo de paz que me veu dar o Man do Cirillas esta mañá cando saín da casa, a tenrura que poñen a Chus ou a María Jesús no traballo diario de coidar á Maruxa, miña nai, porque o traballo pode pagarse, pero a tenrura é impagable. E así un amigo tras outro, que, se nos poñemos a contar, son moitos máis do que pensamos a primeira vista. Xuntos, ti e máis eu, meu querido Antón, queremos esixirlles que fagan un esforzo de vontade para atoparen, por tras das penas diarias, ese pouquiño de felicidade que nos axude a nós a sermos tamén algo felices. Ás veces non é doado. Como sabes, na miña casa este ano falta definitivamente Martín, pero pronunciaremos o seu nome, ollaremos a Uxía, a súa neta, e dalgún xeito sentiremos a súa presenza na quentura do noso corazón. E así se fará en moitas casas avivecendo a lembranza dos que xa se foron. Como lles deixou escrito o poeta Charles Peguy aos seus fillos:

Non importa que xa non me vexades
pronunciade entre vós o meu nome, o que sempre me destes.
Faládeme como sempre fixestes,
non empreguedes unha tonalidade diferente
nin poñades acenos solemnes ou tristes.
Seguide a rir coas mesmas cousas que nos facían rir xuntos.
Pregade, sorride, pensade en min,
rezade por min.

Nada máis por hoxe. E xa non é pouco. Este ano tes reunida a toda a familia e sei que habedes cantar a noite de paz. Cantaredes mal, moi mal, pero contentos de estardes xuntos e sentindo pretos aos amigos coma min. Unha fonda aperta
Bernardo.

24/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión