Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 10 de decembro do 2010
Meu amigo Antón:

A semana pasada non che escribín, e non é porque non tivera cousas que che contar, pero non dispuxen do tempo necesario. Nesa carta que estaba a medio facer pensaba pedirche desculpas por non ter o teléfono dispoñible o domingo anterior, cando pasaches por Vilalba, na compaña do teu fillo – toda unha novidade – con intención de nos ver, pero apaguei o móbil porque estaba na misa. Efectivamente, contra o meu costume, no canto da misa da unha, ese domingo decidín achegarme á das doce, á dos nenos, coma ti ben sabes. Por curiosidade, pero tamén porque desexaba ter tempo, despois do rezo, para entrevistarme cun amigo común do que che quería falar na carta que non cheguei a escribir. Parecíame oportuno comentarche uns sentimentos contrapostos que me acompañaron ao longo da xornada a causa de ambas actividades: a misa e a entrevista. Non sei se tal cousa lle pode interesar aos nosos oíntes, pero trátase dun tema que teño comentado moito co teu fillo,
mentres ti non deixabas de nos escoitar con certa sorna, pero tamén con algo de atención, porque tanto ti coma el tiñades o costume de acompañar aos teus nenos nesa misa das doce, cando viñan por Vilalba. El sempre saía entre satisfeito e desconforme, ti rosmón coma sempre e os tres rematabamos en discusión amable, unha disputa que trataba do que che vou comentar. O caso é que, como che dicía, ese día eu tiven sensacións opostas, así que cho conto.
Primeiro o da Igrexa. A verdade é que había moitísimo tempo que non estaba na celebración dominical dos nenos, e comprobei que tamén na nosa vila se deixa notar a escaseza de práctica relixiosa, cousa xa habitual na sociedade española, pero eu pensaba que os pequerrechos asistirían en máis cantidade: tiña aínda na miña cabeza aquela imaxe de bancos cheos de voces infantís que agora xa non é igual, en Vilalba tampouco. Iso eu debería supoñelo, xa que, de acordo coas enquisas, a Igrexa non está a pasar polos seus mellores momentos e, quizais por iso, moitos pais tampouco son moi dados a levar aos seus fillos ao catecismo, pero, que queres, chocoume.

A celebración foi xeitosa e con moitas cancións bonitas nas voces infantís. Había mesmo un rapaz que dirixía o canto e facíao moi ben, con entoación axeitada e un bo acompañamento de guitarra, o que nos tempos que corren é moito de estimar, aínda que non soase o órgano. Pero a escena daquela misa deume que pensar, porque, afeito ao bo galego utilizado por don Uxío na misa da unha e mesturado co castelán nas outras, percibín con pena que na das doce non puiden escoitar unha soa palabra galega en toda a celebración, agás nun dos cantos.

Xa sei o que ti me has comentar coa túa retranca coñecida, pero xúroche, Antón, que en ningún momento se me pasou pola cabeza xulgar e criticar ao cura celebrante, nin agora quero facelo. Supoño que o que el fixo foi adaptarse aos nenos que tiña diante, convencido seguramente de que case todos eles non falan máis ca castelán. E cavilei en que, se cadra, tiña razón. E púxenme algo triste: será posible, pensaba, que nunha vila coma a nosa estea perdido entre a infancia o uso da nosa lingua, coma se fose unha parroquia do centro da Coruña?. Mesmo é posible, aínda que non o creas, que, de falar algo en galego – xa non digo todo – habería máis dun pai ou dunha nai que se achegarían a protestar e mesmo ameazar con non volver á misa na vila. Teño entendido que algo diso xa houbo. E non é cousa, calcularía o crego, de expoñerse a perder aínda máis fregueses practicantes. Non o sei, non xulgo ao celebrante nin lle reprocho nada, aínda que estea persoalmente convencido de que, se falta xente, non é precisamente por falar galego. O que me resultou inevitable foi sentir por dentro de min unha sensación desacougante, unha invasión de tristura ao pensar no posible futuro do nosa fala: terá esta os días contados, abafada definitivamente polo castelán? Se os nenos,que son o futuro, xa non falan galego, que podemos esperar?.

Acababa eu, por certo, de ler un manifesto dun intelectual galeguista, chamado Henrique Monteagudo, no que se laiaba da perda case definitiva do idioma no centro das nosas cidades importantes, coma Coruña ou Vigo, co perigo de non o poder recuperar. E eu, na miña igrexa, andaba a matinar en que ese pensador, visto o visto, aínda era optimista de máis: xa non é só no centro herculino senón que no seu entorno, en Arteixo, a miña Uxía, cos seus dous aniños, fala galego, mentres que os máis dos seus compañeiros respóndenlle en castelán, e ás veces, aparece na casa falando andalú por culpa dun camarada, seica, que procede do sur, o que, por outra parte non deixa de ser bonito. E isto, como digo, preto da Coruña, pero o Monteagudo quedará máis abraiado do seu optimismo cando saiba que en Vilalba, na nosa Vilalba, os nenos xa non falan galego, e poida que a situación, tamén aquí, sexa irrecuperable. A esperanza é que, se queren, poden falalo grazas á escola. De momento, porque os de Feijoo non son garantía.

Así que, meu Antón, saín da misa triste e desanimado. Menos mal que de seguido achegueime a un bar onde me agardaba o noso amigo Agustin Fernández Paz para falarmos dun asunto que me facía ilusión: íame contar o escorzo dunha novela que lle anda no maxín, e así foi. Demoramos a conversa por máis dunha hora, e, ao rematarmos, volveu renacer en min algo de esperanza, porque, pensei, mentres teñamos homes desa valía, tanto intelectual coma humana, aínda nos queda futuro. Como ti ben sabes, el escribe sempre en galego por convencemento, pero isto non o priva de que canto pon na nosa lingua teña tamén valor para xentes doutros idiomas aos que lle van traducindo as súas obras, mesmo de lugares lonxanos. Desde un curruncho de Galicia van saíndo obras de valor universal, e isto é a esencia mesma do arte: horizonte universal sen renunciar ao propio. Agustín escribe en galego por convencemento do valor expresivo das nosas palabras. Podería facelo directamente en castelán, e faríao moi ben, con proveito económico incluído, pero el quere demostrar que, tamén desde aquí, coas nosas palabras, se lle pode falar ao mundo. Mostra tal convencemento que, como é ben sabido, no nome da defensa da nosa lingua, tivo a valentía de renunciar a un premio importante que lle ofreceron recentemente desde a Xunta: non podía aceptar que ese premio fose outorgado por gobernantes que lexislan en contra da lingua. Esta lexislación ofensiva non se desculpa coa oferta de un premio puntual que disimule as intencións de fondo.

Despois de canto estiven a pensar na igrexa, o exemplo de Agustín devolveume algo de esperanza, porque este tipo de persoas, tan valentes e decididas como capaces intelectualmente, non pasan sen deixar pegada entre a xente nova que sabe apreciar tales valores. Estes días non foron poucas as persoas que, falando de Agustín, manifestáronme o seu desexo de recuperar o amor polo idioma, mesmo se, pola forza do costume, non se decidiran aínda a utilizalo habitualmente, entre outras cousas porque teñen a sensación de que non o saben dabondo. Os máis novos xa o saben e, se cadra, anímanse a utilizalo. Esperemos.

Así que, xa ves, meu Antón, se da misa saín con pouco humor, algo del puiden recuperar despois de longa conversa con Agustin. E así temos que ir tirando do carro no que se poida.

Saúdos á familia, coida dos teus netos que falan a cotío tan bo galego, e ti recibe unha aperta do teu amigo

Bernardo

Foto: P.Naseiro/AVV

11/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión