De novo, o belén de Begonte

Xulio Xiz.- 

Este sábado, de novo, vaise poñer en marcha a maquinaria do Belén electrónico, que quizais por deformación ou cercanía estimamos que é o Belén de toda a Terra Chá, no que levo intervindo a frioleira de trinta e seis anos.

Ó Belén de Begonte morreulle o pasado mes de xullo o seu creador, José Rodríguez Varela, Varela, que desde o nacemento do Belén en 1972 foi a alma mater e responsable de toda a traxectoria vital -–se pode dicirse dun belén que se move- deste artiluxio que ten conquistado a milleiros de nenos e maiores nestes trinta e oito anos.

Véxoo pola miña casa na que hai anos ían os meus nenos pequenos ó Belén, e hoxe van os meus netos cos mesmos ollos abertos á sorpresa, case milagro. E son moitos os visitantes que confesan que ían cos seus avós e cos seus pais e agora van cos seus fillos, e todos os anos volven para comprobar que houbo cambios no Belén e neles mesmos, pero que a ilusión mantense, e que sempre é posible atopar algo novo que un non deu visto na primeira pasada ou na anterior visita.

O creador, Varela, fóisenos demasiado axiña. E temos que aprender a vivir sen el, buscarnos a vida, procurarnos que o Belén que el creou siga adiante, e para o ano que ven temos que procurarlle solución. Este ano non, que o deixamos exactamente igual que estaba, en homenaxe a Varela, tal como quedou do ano pasado.

Tamén é casualidade. Todos os anos o Belén levantábase ó rematar a tempada do Nadal, porque había que evitar que se enferruxasen os aparatos eléctricos e electrónicos. Pois este ano non se fixo. E bon foi, porque así permítenos lembrar exactamente como el nolo deixou, gravalo nas nosas retinas e en soporte axeitado para saber como era este Belén final dunha etapa, que temos que continuar no futuro.

O Concello de Begonte, consciente do papel do Belén electrónico na actualidade e na traxectoria do concello nos últimos trinta e oito anos, ven de nomear Fillo Predilecto a título póstumo a José Rodríguez Varela, o primeiro na historia do concello, e este sábado pola mañá vaise efectuar a entrega do correspondente título á familia.

E pola tarde, abriremos unha nova tempada do Belén co pregón que vai pronunciar Segundo Leonardo Pérez López, Presidente da Academia de San Rosendo, natural de Buriz de Guitiriz, e destacado teólogo.

Este sábado, a cita é en Begonte para os que queiran acudir o primeiro día ó Belén electrónico. Pero xa é sabido que o Nadal en Begonte dura dous meses, e polo tanto todo o que queira ir ver o Belén, levar os nenos e os maiores, que son os elementos máis destacados entre os visitantes, ten todo o mes de decembro e todo xaneiro para poder visitalo.

Alí nos veremos, se queredes. Quedamos citados.

01/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión