Do privilexio feudal á mesa do común

Xosé M.ª Felpeto

Non teño consciencia de que na casa dos meus proxenitores se tiveran criado nunca capóns. Sen embargo gardo no faiado da miña memoria algunhas lembranzas sobre os mesmos que de neno me chamaban a atención, que mesmo me inquietaban ou por veces me ocasionaban un certo sufrimento e que nalgún momento chegaron verdadeiramente a indignarme.

En tempos nos que a actualmente omnipresente TV non se entremetía por inexistente nos fogares á hora de xantar, da cea ou doutros labores, resultábame frecuente escoitar de boca do meu avó paterno as máis variadas historias, insólitos feitos lendarios, divertidas e picantes cantigas, curiosos refráns, imaxinativas adiviñas, etc. E neste amplo repertorio, que mantiña sempre ao auditorio expectante polo medo ou a hilaridade proporcionado polo relato, as máis das veces extradimensionado polo intérprete, o capón tiña tamén presenza.

El, que fora caseiro en “casa grande”, contaba como entre as rendas en especie que había que pagar á ”señora” figuraban, ademais de 15 fanegas de trigo, 7 de centeo e dous litros de leite durante os tres meses do inverno, tres pares de capóns ben cebados. E a min, fillo coma moitos do caldo, dos cachelos con touciño e, en domingos ou festas de gardar, do coello, do galo mantido en liberdade ou da galiña que deixaba de poñer, non me cadraba aquilo de que a foreira houbera manter a súa gula á conta de sacarlle o unto ao labrego. Para máis, seica había que entregarllos mortos, desplumados e coa enxunlla sobre o lombo, despois dun longo proceso de mantenza forzada que comezaba aló polo mes de abril co troco dos ovos das galiñas propias por outros das da veciñanza.

Doíame igualmente que os pitos tiveran que ser castrados e encerrados en capoeiras, privándoos así, ademais da liberdade, do dereito de gozaren, coma os que quedaban no curral, dos praceres que a propia natureza lles concedera, malia que os máis polainudos, con ímpeto desmedido e arbitrario, rarearan as plumas das femias ás que galeaban.

Coas medras, aquelas cavilacións infantís foron dando paso a unha profunda reflexión sobre a inxusta realidade que mantiña seculares privilexios de vasalaxe dos señores, que posuían o dominio das terras, sobre os labregos, que se vían privados dos dereitos máis elementais, tal como recolle en parte a tradición popular: “O cacique deste pazo non che pregunta se bebes, ás veces dáche das sobras pero nunca dos releves”. Arrepíame pensar que algún meu devanceiro sufrira privacións para manter nugalláns, ou que tivera que pagar favores a bispos, cregos, caciques… cos capóns criados a forza de sacar do seu escaso pan.

Por iso nos tempos que andamos non chego a entender que esta cobizada ave continúe a servir para “recoñecer oficialmente”, á conta do erario público, non se sabe moi ben que méritos de disque ilustres persoeiros, cando a precaria situación económica fai difícil a subsistencia a moitos contribuíntes.

Con todo e con iso as condicións de vida foron mudando e o capón chegou dalgunha maneira a socializarse, podendo hoxe formar parte de moitas das mesas ás que antes lles estaba vedado.

19/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión