A feira dos capóns

María Xosé Lamas.-

Todo vai mudando co tempo. Costumes, tradicións, festas, feiras… Mais é unha sorte que a remate da primeira década do século vinte e un aínda conservemos as nosas feiras.

Non obstante, evolucionaron tamén de xeito considerábel, converténdose en mercados non moi diferentes dos que podemos atopar en calquera outro lugar, perdendo así a identidade que posuían – xa se sabe… a globalización.

Pero os galegos seguimos a teimar en facer do noso algo peculiar. Así, comezamos a inventarmos festas para salientar e dar pulo aos nosos produtos máis senlleiros e sinalamos nos nosos almanaques datas para celebrar as feiras dos grelos, as dos queixos, as do pan, as do cocido, as do polbo ou da filloa. De seguro que case todas estas celebracións tomaron como referencia a Feira dos Capóns de Vilalba.

Lémbroa dende que teño acordos e vivina activamente e por primeira vez cando no derradeiro curso de bacharelato acudiamos a ela para co noso traballo contribuír a incrementar o orzamento para realizar a excursión de fin de curso. Erguémonos moi cedo para estar as seis da mañá no pavillón deportivo da feira onde tiñamos que colocar un posto de caixas de madeira, previamente feitas por unha carpintería, para embalar os capóns que irían parar ás mesas dos máis renomeados persoeiros, co fin de pagar a vasalaxe á que moitas persoas estaban xunguidas. Que mellor maneira de pagar favores que mediante uns queixos de San Simón pola época dos nabos, un cabuxo polo San Ramón ou un par de bos capón polo Nadal? Deste xeito os estudantes aproveitabamos a xeira para beneficiarnos. E foi todo un éxito. As caixas rematáronse ao pouco tempo de comezar. Xa se sabe que os mellores capóns desaparecían a primeira hora, pois eran os escollidos por quen desexaba ficar ben co agasallo. De todas maneiras, tratábase dos mellores capóns da feira, non dos da mellor crianza, pois os bos de verdade non chegaban a ela, eran vendidos na casa dos cebadores, moitas veces con previa encarga.

Outra das miñas relacións cos capóns tivo lugar na casa do Golpe. A súa dona, visto o éxito que tiña a feira e a posibilidade de sacar proveito tamén dela, comezou a cebar pitos e galiñas que escollía entre os mellores do galiñeiro.

Na cociña da casa había escano ao pé da lareira, pero non tiña capoeira. Mais iso non resultou un problema, pois o Golpe con catro táboas e uns carabullos ben dereitos non tardou en facer unha xeitosa para contentar á dona, que non tardaría en encher de bechos destinados á ceba na que pasarían varios meses fechados e adurmiñados á calor do lume e da que non sairían senón para ser mantidos. A tía Remedios vertía nunha ola fariña de millo moído gordo que ensopaba con auga quente e augardente. Remexíaa ben até conseguir a textura desexada e logo pillaba un por un os pitos que colocaba entre os xeonllos, facía boliños de masa e íallelos metendo no peteiro a o tempo que coa outra man fregaba a gorxa dos animais para que enguliran o bocado. Así unha vez e outra até que estaban todos mantidos. Ás veces o bolo non pasaba e afogaba o pito sen remedio, de xeito que non todos chegaban ao seu destino, sempre había algunha perda.

Ao aproximarse a data da feira, que durante moitos anos se celebraba o día dezanove de decembro –caera no día que cadrara- tiña lugar a matanza. Unha noite enteira, despois de gobernar na casa, dedicábase a esta tarefa. Como nunca pasaba da ducia de bechos, entre os dous eran capaces de levala a cabo sen precisar de axuda de ninguén, como acontecía noutras casas nas que se convertía tamén nunha tarefa comunitaria. O que máis tempo levaba era a preparación dos capóns para presentalos do xeito determinado pola tradición, colocándoos co lombo cara arriba e coas as en tal postura que termaran da enxunlla suxeita con palillos, catro en cada cesta patela previamente rechea de palla e tapada por un lenzo branco a xeito de cama.

No día sinalado, cargábanse as cestas no coche de liña até Vilalba onde se pretendía chegar o máis cedo posíbel para coller un bo sitio nas táboas que estaban dispostas no recinto feiral. Mentres a tía Remedios estaba atendendo das súas cestas e agardando polo veterinario que a primeira hora, e antes de abrir as portas, selaba os capóns conferíndolles a garantía de calidade, o Golpe ficaba fóra do pavillón coas galiñas cebadas a xeito de capóns, que contaban con grande acollida sobre todo para consumo dos vilegos durante o Nadal.

Poucos eran os capóns que volvían para a casa. Os cebadores preferían malvendelos antes que ficar con eles. Non obstante, a tía Remedios non tiña ese problema. Os pitos que non vendía gardábaos para celebrar o Nadal coa familia, e nunca eran moitos.

Nestas datas lémbrome máis ca nunca deles. Bótoos en falta como nos pasa a todos coas persoas queridas e que o tempo nos arrebatou. Pero a vida segue para adiante e hai que lembralas con ledicia.

Bo Nadal!

Foto: P. Naseiro/AVV

19/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión