I Centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro

Redacción.-

O Plenario do Consello da Cultura Galega aprobou o pasado día 3 pola tarde o programa de actividades para o 2011, cunha especial presenza dos actos conmemorativos do primeiro centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. Aprobouse asemade a creación dunha comisión para elaborar un informe sobre as Fundacións Culturais Galegas. O máximo órgano da institución deu o seu visto e prace aos presupostos para o novo ano e aceptou a incorporación do Consello ao “Instituto de Lenguas de la Península Ibérica”.

As actividades do Consello da Cultura Galega en 2011 estarán marcadas por un programa de actos conmemorativos do I centenario do nacemento do xenial escritor, fabulador e xornalista Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). Un programa que o Presidente da institución, Ramón Villares, cualificou como “ambicioso” a que se levará a cabo conxuntamente coa Xunta de Galicia, as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, a Real Academia Galega e os Concellos de Mondoñedo e Vigo. O programa previsto incluirá, entre outras actividades, un congreso a celebrarse no mes de setembro.

Aprobouse finalmente a preparación dunha exposición sobre o Asociacionismo Cultural Galego e as súas contribucións socioculturais. O proxecto expositivo partirá de 1961, ano da creación da pioneira Asociación Cultural “O Galo”, en Santiago de Compostela.

06/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión