Luces de Nadal en Madrid

Fermín Bouza.-

Logo de todo o balbordo das últimas semanas unha rara tranquilidade invadiu Madrid, que se ilumina a pesares da crise, aínda que menos, mais con deseño agradable. Agradécese que non haxa moitas charramangadas e que todo vaia polos seus pasos. A xente empeza a pór cara de boa e de non romper un prato, e é que o Nadal ten a súa cousa e o seu estilo, tamén no terreo da fachada para os demais, que andan máis tranquilos se non ensinamos os dentes.

Eu mesmo volvinme máis tranquilo e benéfico lembrando ao fillo de deus, por que non, e aprazo indefinidamente as miñas críticas a case todo: non á Xunta e a Feijóo, que non fixeron a menor autocrítica nin modificación de feito ou dereito do seu decreto da lingua, que tal como era presentado nunha enquisa da Voz estráñame moito que non o aprobasen o 100% dos galegos. As preguntas das enquisas teñen que referirse ao problema ou non son nada: Aproba vostede que os pais urbanos que quixeron elixir o galego para os seus fillos nas súas cidades (preto, ao parecer, do 40%) non poidan ver cumpridos os seus desexos co novo decreto? Esta é a pregunta real nestes momentos.

Non lin unha soa liña de crítica por isto a aqueles que habitualmente enchen sabas coas súas bágoas pola "opresión" do galego contra o idioma central. E é que o cinismo social esténdese como un WisqiDycs calquera.

Ou Galicia apoia unha saída progresista cara ao futuro ou o seu final como nación histórica é cousa de pouco tempo. Baixaremos a cuarta rexional B. Se isto ocorre, os espíritos dos nosos devanceiros volverán ao mundo a amargarnos as noites e até os días. É difícil atopar un país máis confuso nestes momentos. Ben, se cadra Cataluña? Ou eu mesmo, pero non son un país.

18/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión