Materiais didácticos sobre o Camiño

Redacción

O sétimo Congreso Internacional Camiño de Santiago que se celebrou a pasada fin de semana na localidade luguesa de Palas de Rei serviu como escenario para a presentación da Guía de Materiais e Recursos Educativos sobre o camiño de Santiago. A obra foi coordinada polos docentes da USC Raquel Mariño Fernández e Xesús Rodríguez Rodríguez, ambos pertencentes ao departamento de Didáctica e Organización Escolar da Facultade de Ciencias da Educación. Esta guía é unha compilación e sistematización dos recursos didácticos que existen actualmente en Galicia en relación co Camiño de Santiago. O obxectivo desta publicación é o de darlle a coñecer aos profesores dos centros educativos galegos estes materiais para que os utilicen en función das súas necesidades estando adaptados ás diferentes materias que imparten. Os materiais propostos abarcan o ensino en diferentes tramos educativos (Infantil, Primaria e Secundaria) e están elaborados coa participación de diversas institucións e colectivos xunto cos docentes e alumnos da USC.

A finalidade última da guía é a de difundir de xeito conxunto o patrimonio material e inmaterial do Camiño. A publicación inclúe xogos e unidades didácticas, recursos interactivos, achegas de museos e institucións, referencias bibliográficas e relación de congresos e outros eventos organizados arredor da temática do Xacobeo e das peregrinacións a Compostela. No mesmo prólogo da obra, o rexedor de Palas de Rei, Fernando Pensado Barbeira, defínea como unha interesante ferramenta de apoio ao currículo escolar e ás diversas actividades que colectivos e institucións propoñen como recursos educativos arredor do Camiño de Santiago.

A obra foi presentada xusto despois da inauguración do congreso, acto no que participou o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, xunto con autoridades da Xunta de Galicia, do Plan Xacobeo e do Concello de Palas, entidades colaboradoras dende hai anos na organización deste encontro internacional que se desenvolve os días 26, 27 e 28 no Centro Comarcal da Ulloa. Na súa sétima edición, coincidente co Ano Xacobeo, debátense aspectos coma o pasado, presente e futuro do Camiño, realízanse charlas sobre a historia de monumentos relacionados coa vía de peregrinación e desenvólvense, entre outras iniciativas, obradoiros e visitas guiadas.

01/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión