Meubook fai de ti un “Bolechas”

Redacción.-

A libraría Couceiro acolleu este mediodía a presentación dunha nova ferramenta de personalización de publicacións creada por Meubook. Esta aplicación on line xenera unha caricaturiza a partir dunha fotografía, e posteriormente inserta esta caricatura nunha historieta da familia Bolechas, famosos personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro.

A aplicación, accesible na web www.meubook.com, permite a calquera usuario, de forma rápida e sinxela, 'bolechizarse' en poucos minutos. Tan só hai que rexistrarse, subir unha fotografía, escoller as cores e o nome do 'novo bolechas' e elixir o idioma para o conto, que pode ser calquera da península, mesmo o aranés. A partir de aí “hai que meter catro datos, como en calquera web de comercio electrónico, para nuns días recibir na casa ou recoller na librería o conto personalizado”. O prezo final non chega aos 20 euros, e supón un magnífico agasallo, especialmente para os máis pequenos da casa, que poderán participar na simpática historia destes populares personaxes.

Pepe Carreiro, creador dos Bolechas, asegurou esta mañá que o proxecto de caricaturizar persoas reais inicialmente lle provocara “dúbidas debido á súa complicación”, pero que logo de elaborar algúns bocetos “o resultado foi sorprendente”, como desmostrou con varios exemplos, un deles consistente en 'bolechizar' a Zapatero. O proceso é similar ao que utilizan os Simpson cando introducen personaxes reais na serie.

Meubook, a plataforma galega con vocación universal
O conselleiro delegado de Meubook, Jacobo Bermejo, asegurou que este proxecto supón un paso decisivo na configuración da plataforma que naceu “desde Galicia pero cunha clara vocación mundial”. Meubook integra aos integrantes da cadea de valor do libro –editores, impresores e libreiros– e os conecta con outros axentes culturais, cos lectores e coa sociedade. A plataforma céntrase, fundamentalmente, na compilación, actualización e intercambio de contidos dixitais.

Bermejo dixo estar convencido de que “é posible innovar na edición impresa, por iso non é casual que presentemos esta nova ferramenta nunha libraría”, e recoñeceu a importancia “das novas tecnoloxías, tan presentes neste proxecto”, pero “o papel vai seguir aí, vai seguir existindo”, asegurou. Bermejo tamén destacou que o software aplicado en “Eu tamén son Bolechas” é o primeiro no que a caricatura evolúe e cambia nas diferentes escenas, de xeito que o personaxe interactúa ao longo de todo o conto”, algo que ata o de agora non existía.

Deste xeito Meubook continúa a xerar contidos na cadea de valor do libro e da edición, e abre unha nova liña que espera ampliar no futuro con obras doutros debuxantes. A personalización de contos, a creación de álbumes de fotos ou a autoedición de libros, veñen sumarse a outras ferramentas de Meubook, que naceu co obxectivo de pór en valor contidos culturais e educativos, proxecto deseñado dende o país, pero con vocación de ir máis alá, tanto nos contidos como nas áreas de influenza”.

Xunto ao aloxamento web para clientes e usuarios, e unha libraría virtual cun potente motor de busca que amplía o escaparate para a venda e distribución de libros, Meubook ofrece servizos de consulta e descarga de arquivos, edición a demanda, libro electrónico, personalización de publicacións, xestión de vendas, etc. Outro elemento característico é a existencia dunha rede social, con perfiles individuais para cada usuario e que realiza recomendacións e ofertas distintivas.

21/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión