Oito produtoras e discográficas galegas na Feira da Música do Brasil

Redacción.-

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) patrocina a participación dunha delegación integrada por oito produtoras e discográficas galegas na Feira Internacional de Música de Brasil (FMB), o encontro máis importante para a difusión musical de toda América Latina, que este ano se celebra na cidade de Belo Horizonte, capital do estado de Minas Gerais. A música galega estará presente neste certame mediante a misión comercial emprendida polos xerentes das empresas Ouvirmos, Esmerarte, A Central Folque, Berrogüetto Producións, Falcatruada, Keltia, Nalgures e Nordesía.

A representación empresarial galega, á que prestará respaldo institucional o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, conta tamén co apoio de Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais). Estes dous principais colectivos profesionais do sector distribuirán no encontro material promocional e discos baixo a marca Galiciantunes, a enseña común utilizada por institucións públicas e empresas privadas galegas para a difusión no exterior da música producida actualmente en Galicia. Joaquín Martínez Silva, presidente de AGEM, participará ademais o 9 de decembro na mesa redonda "Negocios Internacionais de Música".

A participación na FMB é un paso adiante máis no que se materializa a liña de colaboración institucional, artística e empresarial que, no ámbito da música, manteñen Galicia e Minas Gerais, cuarto estado en extensión de Brasil cunha poboación de máis de 21 millóns de habitantes. A relación que xa existía entre algunhas compañías e grupos galegos e mineiros deu un paso importante no pasado ano 2009 no Womex (World Music Expo) de Copenhague, durante o que se chegou a un acordo de cooperación para a promoción musical entre a Agadic e a Secretaría de Estado de Cultura de Minas Gerais.

En virtude do devandito acordo, os cantantes brasileiros Kiko Klaus e Érika Machado actuaron o pasado 26 de novembro en Pontevedra no marco do Culturgal, a feira das industrias culturais, á que tamén viaxou unha representación comercial brasileira.

Na vindeira semana, as prioridades desta primeira incursión conxunta da industria musical de Galicia na FMB é promover o traballo das distribuidoras galegas como ponte para os artistas e grupos brasileiros cara á súa introdución no mercado europeo, así como impulsar a proxección da música galega en Brasil e, por extensión, no resto de América do Sur.

Esta será a terceira edición da Feira Música Brasil, unha cita itinerante que naceu en 2006 na cidade de Recife promovida polo ex ministro de Cultura Gilberto Gil, e que na súa anterior edición de 2009 congregou un total de 320 empresas brasileiras e internacionais arredor dos stands, mesas de debate, encontros de negocios e outras actividades comerciais e máis de 400.000 persoas nos concertos protagonizados polos artistas brasileiros que configuraron a carteleira seleccionada pola organización.

A FMB 2010 desenvolverase na cidade de Belo Horizonte com atividades en diversos locais (Espaço FUNARTE, Palácio das Artes, Praça da Estação, Fundação de Educação Artística e Conservatório de Minas Gerais). Serán 5 días cunha intensa programación dedicada sobre todo a concertos e shows de máis dun centenar de artistas, aínda que tamén haberá coloquios, whorkshops, unha mostra de cinema e encontros nun área de negocio.

Os organizadores da FMB 2010 deféndena como o mellor instrumento para mostrar a riqueza musical do país, fomentar acordos empresariais e crear oportunidades para artistas, empresarios, produtores de eventos, entidades, selos de gravación e festivais. A súa premisa é que, coa adecuada estrutura e organización, o sector musical pode ser unha potencia económica asociada ao desenvolvemento dos territorios.

O propio estado de Minas Gerais ten ademais a particularidade de ser un referente na difusión da música contemporánea para todo o mundo, tarefa para a que utiliza con éxito modelos de xestión baseados na innovación e na creatividade, fóra dos circuítos e dos ámbitos de actuación das multinacionais. Así, programas específicos para o estímulo da música como o Edital de Circulaçao ou o Edital de Passagens facilitan cada ano a distribución dos artistas autóctonos dentro e fóra de Brasil.

07/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión