Ou tomamos a iniciativa ou "suicidamos a nosa lingua"

Francisco López.-

Neste ano pecharon as aulas de galego nas cidades, pecharon as galescolas mudándoas por "galiñas azuis", agóchase o uso do galego como lingua á infancia. Agora queren afogar aos servizos de normalización lingüística (de galego) dos Concellos, pasando duns orzamentos de 801.708 € en 2009, a 397.710 € no 2011 (-50%). Os políticos excluíntes teñen no seu ideario a eliminación das linguas propias (galego...). Non son estas razóns dabondo para apoiar o proxecto (social, sen ánimo de lucro) dunha rede popular de ensino en galego?

Acaso non hai 3000 ou máis galegos Bos e Xenerosos que queiran “determinarse”, que queiran facer?. É esta cantidade de cidadáns (3000) os necesarios para garantir o inicio e futuro da rede popular de ensino en galego que faga efectivo o dereito a educación da nosa infancia.

Acaso é moito facer un préstamo na vida (dunha única vez), de 100 euros?. É esta a cantidade que 3000 galegos terían que achegar para garantir o funcionamento das escolas, a súa independencia, pluralidade, laicidade e calidade.

Se cadra é un gran esforzo contribuír con 10 euros anuais a Comisión promotora de ensino Galiza co Galego? É esta a cantidade, que os socios achegan como axuda para que a Comisión poida difundir a idea da aprendizaxe en galego, ter actos públicos, manter entrevistas,.... por toda Galiza.

Comisión, por certo que, como no famoso debuxo de Castelao, está en obras e na que hai sitio para todas e todos.

Cumpre ler con xenerosidade o bloque de Galiza co Galego, coas chaves dos nosos Precursores. Matinar nas accións dos nosos emigrantes que mandaron diñeiro para escolas, para o desenvolvemento, que inventaron o himno e música da nosa nación , que fixeron efectiva a (Real) Academia da Lingua Galega, que fixeron presente a nosa lingua o noso ser na escrita, que mantiveron a resistencia. Eles ademais de manifestarse, facían.

A lingua da infancia, a lingua materna, adquírese nos primeiros anos, e tamén perdese. É na infancia onde a aprendizaxe marca a personalidade do ser, onde pola nosa lingua, a nosa paisaxe, o noso clima, por toda a nosa contorna, facémonos galegos.

Reparade pois na importancia do proxecto da rede popular de ensino, na súa etapa infantil na que se está a traballar en Galiza co Galego para que funcione a partires do vindeiro ano 2011.

Galiza co galego vai en 2175 apoios, desexos de que se faga ensino en galego, pero necesita 3.000, 4.000, 5.000, ..., precisa de todas as Boas e Xenerosas persoas da Nosa Terra.

Galiza co Galego non pertence a ningunha organización, está a disposición de todos e todas no seu blogue: http://limiargalego.blogspot.com/

7 de dec. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión