Outra vez a batalla da lingua

Fermín Bouza.- 

Nin tendo o estado na súa man Irlanda puido recuperar a súa lingua propia, o gaélico local, que sobrevive a duras penas (agora comeza a medrar un pouco entre os nenos, a base de vontade), polo que Irlanda como nación segue loitando ante a penetración social e a funcionalidade do inglés. Ese é o futuro que nos agarda a todos se non somos suficientemente intelixentes e acertados nas nosas estratexias de defensa da nosa lingua.

Que hai moita xente que coa mellor vontade do mundo non fai mais que empeorar a situación do galego é algo que sabemos e observamos todos os galegos preocupados por estas cousas. Se cadra non sexa tan importante: en Cataluña son máis sensatos e o catalán segue caendo. En Euskadi, que pasan por ser máis arroutados, sobe o eúscaro, aínda que moi paseniñamente.

O normal é que estas linguas desaparezan, e se non o fan só é atribuíble á feroz loita dunha parte deses pobos para evitar que iso ocorra. Ninguén nos vai axudar. O histórico Manifesto por la lengua común marcou unha certa cota de desconcerto moral na que os que poderían axudarnos puxéronse na nosa contra sen que lles preocupase nin pouco nin moito a saúde dos nosos pobos ou as nosas linguas: a eles parecíalles que as linguas en retroceso e declive oprimían á lingua das linguas. Un disparate, unha mentira, e un sesgo analítico enorme. Pero iso é o de menos: o de máis é a actitude de oposición ás nosas loitas e anhelos mínimos. Dixen mínimos. Coma se tivésemos nacido para dar a razón aos nosos verdugos, agardábese de nós algunha rendición definitiva en todas as frontes, e iso era o único tolerable. Deixen en paz á nosa lingua e deixen que os nosos pobos crezan desde si mesmos con saúde cultural suficiente.

IGEA publicou recentemente o texto de Henrique Monteagudo (coa colaboración de Antón Reixa) Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, un documento que produciu un debate sempre interesante, porque os debates son necesarios sempre. O documento é moi breve e apenas enuncia unha filosofía mínima para afrontar uns tempos (malos) nos que o idioma galego está a pasar problemas importantes, como o catalán (outro día falamos das posicións de Albert Branchadell, tan interesantes e semellantes ás de Monteagudo e ás que eu expreso tamén no documento do CCG inédito -2009- co título Política, Sociedade e Lingua en Galicia). Por esas razóns que aí expreso sumeime ao documento de IGEA/Monteagudo, unha referencia necesaria para modificar un pouco as filosofías de fondo que non deron bos resultados. A idea dun bilingüismo restitutivo, que vén ben explicada no texto ao que os remito, é unha boa idea que busca gañar unha batalla sen vencidos: a batalla da nosa lingua, nun estado clínico complicado.

Esta filosofía de amplo espectro non busca confrontación algunha, pero si busca introducir máis racionalidade no problema. Con todo, estamos moi lonxe de poder pór en práctica intensamente ese novo espírito que vai ter enfronte non só ao actual goberno da Xunta (que nega de feito sempre a "restitución" como obxectivo) senón a sectores ultra-idealistas do propio nacionalismo (ou algo parecido), moi activos e pouco útiles á nosa lingua, aos que hai que tentar atraer a estratexias eficientes. En Terra e Tempo, Francisco Rodríguez escribe un artigo contra este informe. Algunhas cousas de historia local escápanseme, pois non as vivín en Galicia, pero no que respecta á tese de fondo do bilingüismo restitutivo, que non é un bilingüismo formalmente igualitario, non vexo que Paco Rodríguez achegue algo que non puidese ser integrado no modelo de Monteagudo, frases retóricas aparte. Esta contestación a Monteagudo ten certas deslexitimacións dos autores (Reixa como colaborador) por oficio, traballo ou algo similar, que non veñen a conto nin son asimilables á ampliación da base política de progreso que Galicia necesita hoxe, máis aló de rutinas verbais propias doutros tempos.

Por outra banda, o debate é bo e é necesario levalo a termos aceptables desde a perspectiva da crítica e a convivencia. As ideas básicas de Monteagudo son moi valiosas para debater e gañar espazos de articulación social das políticas lingüísticas, que falta fai. Calquera futuro pasa por aí, e Francisco Rodríguez debe tamén entendelo desde a súa relevancia política. É importante. En todo caso, calquera crítica é boa: axúdanos a coñecer mellor a situación cultural de Galicia, cultural nun sentido tamén moi amplo, ese sentido que nos permite saber onde pisamos.

26/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión