Guía Ilustrada da Galicia Invisible

Redacción.-

O vindeiro martes, 14 de decembro, ás 20:00 horas terá lugar a presentación en Lugo na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo) da obra Guía Ilustrada da Galicia Invisible. No acto interveñen: Manuel Bragado, director de Xerais, e Noemí López e Antonio Reigosa, autores da obra. Baixo o subtítulo de "Cidades, vilas e lugares desaparecidos, illas misteriosas, covas impenetrables, personaxes etéreos, montes aparentes, pozos insondables…" ve a luz este novo proxecto de Antonio Reigosa, acompañado de expresivas e vigorosas ilustracións a cargo de Noemí López.

Antonio Reigosa leva anos pescudando na mitoloxía e literatura de tradición oral de Galicia. Como resultado deste traballo xurden estes cen lugares unidos por un punto común, a desaparición dun sitio por unha maldición. Baixo a intención de amosar unha parte desa Galicia que non se ve Reigosa e López ofrecen, baixo a forma de álbum ilustrado, unha descrición visualmente atractiva e moi operativa para lectores de toda idade e condición para achegarse, dunha maneira asequible, a un capítulo relevante do noso imaxinario fantástico e facilitar, así, un percorrido por un universo cando menos “habitado pola memoria” e poboado por seres humanos e animais que talvez o sexan só en aparencia; seres que resultan operativos, asemade, para conducirse polas pegadas que conservan de outrora predios e construcións moi variadas.

A estratexia ou a concepción do libro pola que se optou sen dúbida é inmellorable: a partir dun mapa de Galicia apúntanse un total de trinta e cinco lugares que son referenciais para desenvolver outros tantos relatos, porque no fondo o tratamento literario que se lle outorga é ese, desposuídos de retórica e sometidos a un innegable proceso de estilización, que nos convidan a viaxar desde Antioquía á illa de San Barandán, de Lucerna ao Medulio, da cidade das tres doncelas transparentes a Cachiquimba onde saberemos dun apaixonante sucedido protagonizado por aqueles habitantes do castro Furriolo nas terras de Celanova. Historias, protagonizadas, por meigas e mouras, por maldicións e beizóns que pairan en tantos espazos visitados por santos, con covas de tesouros, baleas fantásticas e escolas de demos en lugares insospeitados… Un libro para crer, definitivamente, de tan ben contado e ilustrado que está, no que non se ve.

Hai unha Galicia visible e hai outra que non se ve inzada de reinos, cidades, vilas, illas, covas, camiños, montes e outros moitos lugares onde disque fan vida xentes anfibias e outros seres capaces de circular entrambos os mundos, o tanxible e o intanxible, o que vemos e o que temos que imaxinar. Neste libro, unha guía práctica para viaxar por un cento destes lugares, abrimos as galerías, franqueamos e iluminamos os pasos soterrados para chegar a eses mundos escuros, sepultados baixo a terra ou a area, navegamos polas canles que conducen aos lugares mergullados baixo as arrebatadas augas dun pozo ou dunha lagoa, do mar ou do ceo, a guiámosvos polos carreiros que agabean ou descenden ata os segredos do misterio. Unha guía que fai visible o invisible.

Nomes da historia, personaxes coñecidos e mesmo divindades propias da cultura relixiosa e popular disfrázanse até sorprendernos coa forza inquietante da súa presenza. Lugares como Coristanco, Vilafranca do Bierzo, Os Ancares, Armenteira, Malpica, Guitiriz, Mondoñedo, Celanova, Cedeira, Fisterra, Compostela, Viveiro, Ares, Nigrán, A Guarda, Neda, Muros, Valdomiño, Cerdedo, Ferrol, Montouto, Vilachá e unha morea de illas que adornan a nosa costa, entre outros moitos, agochan un misterio que explica, ás veces, a orixe de certos emprazamentos e o carácter das súas xentes.

Antonio Reigosa (Autor), Noemí López Vázquez (Ilustradora)
Guía Ilustrada da Galicia Invisible
Vigo: Xerais
Colección: INFANTIL E XUVENIL & EDICIÓNS SINGULARES

104 Páxinas

09/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión