A "Lei Sinde" ou o prezo dos soños

Xosé Manuel Pacho.-

Dende hai un tempo abriuse un debate que ten como protagonista a cultura e os seus valores. Semella de comunidades modernas e civilizadas que os políticos e a cidadanía reflexionen sobre un ben tan prezado. A crise apárcase, e esquecidas fican as miserias económicas dos que queren ser máis ricos a toda cosa, e as vergoñas sociais dos que xogan coas pensións, co pouco respecto á educación, á lingua, etc.

Agora, neste intre, xa non interesa a fusión das Caixas, nin sequera os beneficios e os soldos que haberían de provocar a vergoña das súas direccións, nin as aldraxes morais de obras sociais esquecidas, de discursos enfraquecidos pola permanente permanencia no poder, e a falla de escrúpulos. Perdemos de vista a loita das elites por substituírse, nos concellos e no Estado, a petulancia dunhas estruturas políticas que pensan que acuñando conceptos aparentemente novos como gobernanza falan de historias vellas como caciquismo e manipulación, indignidades que amosan moi pouco respecto ao pagador de todo: o cidadán. Haberá tempo para todo iso, eu, agora, en plena crise, quero falar da cultura, da defensa dun patrimonio, dunha lingua, duns valores cívicos que nos soñan ceibes. Do que debería falar a "Lei Sinde" e non fala, de fortalecer os suxeitos activos da cultura, os creadores, para que os suxeitos pasivos, os cidadáns, sexan máis fortes. O debate creado é outro que ten que ver cos beneficios das empresas, coa cesión de dereitos e a súa xestión a terceiras entidades, SGAE, CEDRO, por exemplo.

E así, confundindo cultura con industria cultural, espazos onde os artistas sofren unha tremenda desprotección. Por concretar, no sistema literario é habitual que non se liquiden dereitos de autor e non pase nada; que haxa editoras que reeditan textos sen permiso; que os tradutores estean terribelmente mal pagados. Que a cultura non valla nada. Nun país anglosaxón sería impensábel que unha colaboración nunha revista cultural ou en prensa non se pagase, aquí acontece xustamente o contrario. Os beneficios da creación, os dereitos de autor, oscilan entre un cinco e un dez por cento. Noutras palabras, de cada libro ou CD vendido, poñamos a quince euros, o creador recibe un. Quen queda co resto podemos preguntarnos? Editoras ou produtoras, distribuidoras, establecementos de venda de libros e música, entre todos eles reparten o noventa e cinco por cento que queda.

Que a cultura non vale nada, nesta época de relativismo ético parece normal. Porén, si que hai diferenzas entre unha sociedade madura e outra que non o é. E a "Lei Sinde" pretende facernos crer que os espazos de liberdade para a información, para a súa divulgación e o seu intercambio son un atentado contra a cultura. Non. Só temos que xulgar por nós mesmos e escoitar a natureza do debate. Iso si, hai que recoñecer que a industria cultural si que se preocupa polos creadores e creadoras, que son invitados a dar conferencias ás veces pagadas, e que comen de balde á súa conta ou á conta da utilización que os políticos, todos, fan da iconografía cultural. Son, somos, tan ben tratados como os touros pola industria taurina. Ás veces alguén recorda a Jabonero como demostración de arte, e tamén ás veces, algún gandeiro presume na praza dun animal da súa gandería.

Será o signo dos tempos, pero nunha sociedade onde as posturas críticas non teñen cabida, onde os xornalistas actúan manu militari como monicreques amordazados por unha magoante autocensura é que temos un problema. E defender unha lei como esta contra a transmisión libre da información, semella un erro formidábel, porque os espazos de liberdade non teñen prezo.

Con todo, teñamos esperanza. Creo nun país, nunha sociedade onde a cultura e a crítica teñan o seu espazo, onde a información, a rede, sexa útil e sirva para chegar onde a sociedade non alcanza: wikileaks, movementos críticos e antisistema... Porque a cultura, a información, debe ser a conciencia crítica, o músculo na metáfora de Leibniz, que nos axude a diferenciar, a discernir, a non deixarnos manipular. Se cadra, agardar por outras leis, por un Galiza que hoxe non existe sexa utópico, pero non esquezamos que as utopías, insisto, son o motor de cambio da realidade. E non deixemos que ninguén se atreva a poñer prezo aos nosos soños.

31 de dec. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión