Unha educación conxelada

Moncho Paz.-

O outrora admirado –e agora desnortado– Fernando Savater, coa súa tendencia actual a facer declaracións grandilocuentes, afirmaba esta semana que “en España temos case 17 Estados e iso é unha multiplicación moi grande”. Permítanme que discrepe ante esta idea oportunista para cuestionar o Estado das autonomías. O filósofo vasco fixo estas declaracións no 32 aniversario da Constitución española, un evento que cada 6 de decembro provoca un estado de gracia nos nosos políticos, que de súpeto superan a permanente crispación e incluso son capaces de pactar, aínda que só sexa unha tregua de poucos días.

Vivimos nun tempo no que calquera asunto sirve para polemizar, dende a folga ilegal dos controladores aéreos ata as filtracións de Wikileaks e a detención de Assange. Non sei se alguén cae na conta de que a actitude pueril da caste política vai en detrimento da nosa imaxe exterior, en caída libre e moi deteriorada, nun proceso paralelo ao que experimenta a figura de Zapatero, que perde credibilidade cada día que pasa.

Deberiamos estar preocupados logo da publicación do último informe PISA, elaborado pola Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) a partir dos datos obtidos en 65 estados de todo o mundo, entre eles o español, que segue a estar nas mesmas posicións dende hai dez anos. Como conclusión, dicir que non melloramos en materia educativa e tampouco acadamos a media internacional. Isto si é un motivo máis que suficiente para abrir un debate serio, ante a conxelación que padece o dereito á educación garantido pola Constitución.

Pero seguimos a perder tempo con teimas artificiais e valeiras de contido, como é o caso do decreto do plurilingüismo en Galicia. A pesar do esforzo por explicar esta medida á sociedade, ninguén fai referencia ao feito de que non contemple o portugués como segundo idioma, algo que é posible en outras comunidades como Extremadura. O idioma luso, o sétimo máis falado do mundo -con 240 millóns de persoas- e a súa raíz común co galego permitiría que os máis novos tiveran a oportunidade de coñecer a lingua irmá, abríndolles posibilidades de desenvolvemento profesional en economías emerxentes como Brasil e outros países.

11/12/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión