Cos pés no chan

Xulio Xiz.-
 
Cavilo ás veces nas historias que os lugares onde vivimos nos contarían se, como aquel programa da vella televisión, as pedras falaran. Se, por exemplo, a casa onde vivimos puidera falar e nos contara historias que pasaron noutro tempo. Ou poder coñecer o que había hai centos de anos no lugar onde nós vivimos, quen posuíu aquelas terras, como se transmitiron as propiedades... Como, por exemplo, unha persoa pode ser propietaria dun monte no que aparece un castro que evidencia que hai dous mil anos alí viviron persoas que tiñan por súa aquela terra.

Se as pedras falaran, na miña rúa da Porta de Cima poderían contarnos que en tempos alí estaba a porta –suponse que a máis alta- do recinto do castelo, por onde entrarían e sairían os homes de armas a patrullar os contornos.

Se fosemos quen de entender o que nos di a terra que pisamos, iríamos lembrando xentes e feitos, coñeríamos as verdades da historia descoñecida, saberiamos de xentes que viviron nos mesmos lugares, sentiron as mesmas angurias e os mesmos placeres que nós, pero dos que non sabemos absolutamente nada.

E sabendo deles ou non, entrando ou non nese coñecemento, temos que aceptar que todos nós – aínda os máis eruditos e investigadores do pasado- somos auténticamente forasteiros na terra que habitamos, ignorando todo o que aquí pasou; todos os que por aquí pasaron.

Peor aínda, se pensamos exclusivamente no aspecto físico da cuestión, mesmo non sabemos o que hai por debaixo nosa, baixo das nosas casas, baixo das rúas que pisamos, no profundo do noso chan.

Valla como exemplo o sucedido aló polo Courel, onde unha finca desapareceu facéndose un burato de trinta metros de fondo ó derrumbarse unha cova que se foi producindo século a século polas correntes que hai no sochán. Que agora hai aparatos que descobren o que hai baixo os nosos pés, pero quen é capaz de poñerse a pescudar no mundo de abaixo cando tanto hai que ver e descubrir no mundo que está ó noso nivel físico?.

O mundo das profundidades ségueme intrigando, como intrigaban ós nosos devanceiros os tesouros ocultos, as mámoas, e calquera accidente do terreo. Pero en tanto o chan non se mova, deixémolo estar.

Seguirá intrigándome como domesticamos a natureza, como nos apropiamos dela, e como pode evolucionar unha superficie no decurso do tempo ata chegar ás nosas mans. Antes, era puro dereito de conquista dos señores feudais, e estes repartían logo as propiedades entre os seus seguidores. Agora, aparentemente, todo é máis legal e igualitario.

Pero é unha lástima que as pedras non falen para contarnos cousas. Aínda que, ó mellor, é unha sorte que as pedras non falen, porque poderían contar moitas cousas que non nos ían gostar.

22/01/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión