Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-
Lugo, 11 feb 2011

Meu amigo Antón

Somos irregulares dabondo nisto de che escribir cada carta semanal, pero mentres poidamos facelo de cando en vez, xa me dou por satisfeito. Supoño que non é cousa de lles explicar aos nosos oíntes as causas da nosa ausencia, sobre todo cando andan polo medio asuntos da túa saúde. Como ti dis, hoxe non é de bo gusto falar destas cousas cos amigos. De haber problemas, un debe gardalos para si sen alterar o estado de ánimo optimista dos que nos escoiten. Así que teremos que dicirlles a cantos nos escoitan ou nos len que ambos, ti e máis eu, estamos moi ben. Menos mal que aos galegos non nos compracen moito estas normas e non somos en ningún caso tan aseverativos: sempre temos o recurso de utilizar frases como “ímola virando” ou “imos termando” ou iso, o máis frecuente, de “imos indo”. Pois aí queda: imos indo.

Ti, meu Antón, agora xa case non te moves de Compostela e tes moi abandonada a nosa Vilalba. Aínda que non é así de todo, porque non che sae do pensamento e, naturalmente, queres que eu che conte o que vai acontecendo por aquí. Pois, atende: hoxe vou comezar por che recomendar unha visita, canda a túa muller, a esta vosa vila, mañá mesmo, sábado, para estardes aquí pola tardiña. E, como eu ben sei que ti non conduces, deduzo que terás que convencer ao teu fillo para que te achegue ata nós, e, claro está, con el virá tamén a túa nora e, se cadra, algún dos teus netos. E así será perfecto: faremos un pleno familiar para verdes un espectáculo que sen dúbida pagará pena. Trátase dun festival organizado pola sección parroquial de Mans Unidas coa intención de recadar fondos para unha obra importante nunha zona de Tanzania, seica, da que non me se me recorda o nome. Un nome raro que non pillei axeitadamente porque non estaba moi atento ás noticias na radio cando oín falar deste asunto á miña amiga Loli, unha colaboradora eficiente que, por certo, non sei por que, explicábase en castelán.

Pero en castelán ou galego, creo que, con este motivo, vale a pena a vosa visita a Vilalba. Primeiro, porque así podemos vernos, e, segundo, porque estou seguro que vos haberedes divertir coa música de noviños intérpretes chairegos, cos poemas da chairega Marica e cos monólogos dun coñecido humorista na tele galega. Ademais disto, tamén gozaredes, sen dúbida, como non, coas habilidades máxicas do meu amigo e colega Xosé Manuel Carballo do que non é preciso facer ningunha presentación. Os teus netos, segundo ti me tes contado, aínda recordan vivamente o ben que o pasaron na última vez que puideron presenciar os xogos deste amigo entrañable. Todo iso, como digo, xa paga a pena, pero tamén é importante a vosa visita porque cómpre apuntalar ese labor magnífico que tenta realizar un grupiño de persoas vilalbesas que se quixeron comprometer nas actividades desa institución de Cáritas, Mans Unidas, que vai collendo pulo na nosa vila e que agarda pola incorporación doutros membros que ousen prestar unha intensa colaboración. E ti ben sabes: colaborar quere dicir ofertar axudas económicas, claro, pero tamén algo de traballo, moitas ideas e influenza nas decisións. Coma en calquera outra asociación.

Xa sei, xa sei o que me dirías, coa túa sorna habitual, se agora mesmo estiveras ao meu carón. Seino, porque sempre andas coa mesma teima de que facer caridade non é facer xustiza, e que Cáritas non se para tanto na xustiza como en aquietar a mala conciencia dos máis ricos mediante a entrega duns euros no nome da caridade. E, como ben sei que é isto o que estarás a pensar, xa che respondo axiña que a filosofía de Mans Unidas non é tanto a de facer pequenas esmolas, aínda que estas sexan imprescindibles, como a de facernos tomar conciencia das inxustas desigualdades sociais e ser consecuentes con esta conciencia. Necesidade, xa que logo, de actuar en consecuencia, e isto, meu amigo rosmón, pode ser perigoso para os que, coma ti, teñen unha mentalidade conservadora, pois os que teñen esta mentalidade tenden a lle dar o seu voto xustamente aos partidos conservadores que non son precisamente os que máis loitan contra as abafantes desigualdades sociais. En fin, non sei se me entendes, así que che propoño unha cousa: no canto de lle chamar caridade ao que fai Mans Unidas, chámalle solidariedade, e seguramente, deste xeito, comezaremos a nos entender. Eu ben sei tamén que moitos dos que traballan en Mans Unidas, tanto no resto do país coma aquí, en Vilalba, pertencen abertamente ao mundo conservador, pero asegúroche que, se non cansan de facer este labor, acabarán por descubrir que a loita pola xustiza non casa moi ben coas posturas conservadoras, e, se cadra, comezarán a seren tan revoltosos como revoltoso é o evanxeo de Xesús que está na base, suponse, desta institución de Cáritas. De feito, Cáritas e Mans Unidas, son institucións que estiveron moi respectadas e valoradas polos partidos progresistas ao longo de toda a transición política española. Eu disto pódoche dar fe.

Meu Antón, hoxe, como ves saíume unha prédica, pero foi intencionada. E agora aínda tiña que seguir con asuntos políticos a che contar, porque xa foron presentados os cabeza de lista para as eleccións municipais. A cousa, xa o imaxinas, vai dar para moitos comentarios que andarán sen dúbida polos nosos bares, tabernas e demais lugares de tertulia, pero precisamente por iso, polo que a cousa pode dar de si, prefiro deixalo para a carta da semana que ven, se Deus o quer.

Cóidate, non deixes de vir ao festival e non dubides do aprecio do teu amigo

Bernardo

11 de feb. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión