Cartas a Antón





Bernardo García Cendán.-

Lugo, 18 feb 2011


Meu querido Antón:


Xa ves o que son as cousas. Na última carta cominábate a que non deixases de asistir ao festival organizado por Mans Unidas de Vilalba, e, ao final, resultou que non che foi posible, pero o máis grave é que tampouco eu puiden asistir. Sentino ben, en primeiro lugar, por colaborar, pero tamén porque, segundo me contan, foi todo un logro dos participantes.


Tamén ao final desa mesma carta, che dicía que se acababan de anunciar polos partidos políticos as candidaturas para a alcaldía de Vilalba e que me reservaba para comentarche algo deste asunto en próximas cartas. Pero ti, como eu supoñía, non fuches quen de agardar, agarraches o móbil e, sen ter en conta as tarifas a pagar, tivéchesme leado preto dunha hora, e por riba en horario laboral. Espero que o reitor da universidade non mo teña en conta. O curioso é que me chamaches para saber a miña opinión, pero case non me deixaches falar: ti faláchelo todiño. E eu escoitei relixiosamente como corresponde.


Preguntáchesme pola candidata do Bloque, unha rapaciña nova que xa exerce, ao parecer con solvencia, as tarefas de avogada, e, por riba, lidera con entusiasmo e eficacia un grupiño de música popular moi presente nas diversas festas que dan vida a Vilalba e a toda a Chaira. Avogada e música non é mala mestura para vivir ambientes moi distintos e comunicarse con diferentes sectores da vida local. Iso é positivo. Polo demais, pouco che podo dicir dela: eu, persoalmente, coñézoa moi pouco, pero pareceume unha rapaciña intelixente e comunicativa, dúas cualidades moi importantes para calquera político, e moito máis para un candidato á xestión municipal. A ver se ten sorte.


Os do Partido Popular, pola súa banda, repiten candidato e seguramente tamén os principais concelleiros. Supoño que se senten contentos, convencidos de que Vilalba é conservadora por natureza e que vai seguir nesta liña, de xeito que non lles paga a pena arriscar novidades. Se cadra, teñen razón, aínda que os datos de anteriores eleccións indican que non andan tan por riba como era habitual. Despois de todo, a mocidade non é tan dócil como era, e, polo tanto, non a teñen tan de man, aínda que, efectivamente, certas insinuacións de posibles choios que se deixen caer nos seus ambientes poderán, quizais, desfacer rebeldías teóricas. E disto os partidos que ostentan poder saben dabondo. Non hai máis que ver o descaro de Baltar en Ourense, por exemplo.


Finalmente dos que se presentan polo PSOE prefiro non opinar polas razóns que ti, Antón, coñeces perfectamente. Na conversa telefónica non ocultabas a túa malicia pícara para provocarme, pero non penso facerche caso. Estás convencido, disme, que nestes candidatos non hai tanta vocación socialista como desexos de se montaren no poder local imitando as actuacións dos populares. Ao final, o que se nos presenta é unha situación en que tanto monta o popular como o socialista: ideas parecidas, e non moitas, valores pouco ou nada diferenciados e actividades prácticas moi similares destinadas á consecución do voto con promesas de rendibilidade persoal. Se non entendín mal, isto é o teu razoamento: que na esquerda deberían predominar as ideas sobre outras expectativas, e, segundo pensas, non parece ser o caso entre nós. Eu tería moito que matizar, pero xa che dixen que non vou opinar.


E non che falo máis de eleccións: xa teremos tempo se Deus o quixer. Pero hai outro asunto polo que mostraches moito interese e que, polo tanto, debo comentar nesta carta. Efectivamente, como ti ben dis, sería unha pena que o Centro Cultural Recreativo tivese que pechar as súas portas e desaparecer, algo que, polo visto, estivo a piques de acontecer. En todo caso, habería que facilitar as cousas para que os vilalbeses, todos, se convencesen de que aquilo non ten por que ser ningún casino para xente selecta, como era habitual nos pobos do século pasado. “A min a ese lugar non me levan os pes”, dicíame non hai moito un amigo ben coñecido convidado a unha conferencia naquel local. Isto, claro está, cómpre superalo.


O caso é que, por fin, un grupiño de rapaces animosos decidiron darlle continuidade a esa asociación. Ti, Antón, viches a foto destes mozos na prensa e pregúntasme insistentemente por eles. Tamén eu vin a foto e, de todos eles, só coñecín a dous que, por certo, cáenme moi ben e, por moitas razóns, contan coa miña simpatía indisimulada, tanto por causas familiares como pola súa ledicia de vivir. En consecuencia, estou seguro de que te xuntas a min para, primeiro, agradecerlles aos de anteriores directivas canto deixan feito, e aos novos, que se decidisen a manter a institución, cousa non moi doada porque está exposta a críticas constantes. E tamén, en segundo lugar, ti e máis eu queremos desexarlle á nova directiva que acerte nas súas decisións. Terán que poñer moita imaxinación para racharen ese desleixo que un sector de vilalbeses manteñen en relación con ese Centro, e, xa desde o principio, haberán de pensar en certos cambios precisos para que aqueles locais poidan ser moi útiles ao conxunto de Vilalba. O máis importante é poñer as cousas doadas para que os nosos veciños se sintan animados a acudir alí con frecuencia, e niso teño confianza, porque á xente nova o que lle sobra é imaxinación: seguro que saberán encher aquel espazo de actividades atraentes para todas as idades e todas as sensibilidades. Iso si, o que eu lles pediría con insistencia é que non se deixen caer na tentación moi perigosa de excluír algunha destas sensibilidades. Vilalba é conservadora, pero non tanto, e os xeitos de pensar son xa moi variados.


E nada máis por hoxe. Recibe unha aperta do teu amigo


Bernardo

24/02/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión