Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 25 feb 2011

Meu querido Antón:

Poucas novidades me comunicaches estes días. Supoño que a túa dona che puxo un pouquiño de sensatez no gasto que estás a facer co teu móbil. Eu non che digo nada, pero ben me decato de que, cando me chamas, non das parado de falar, e, por riba, de falar ti, porque escoitar, o que se di escoitar, non escoitas nada nin a ninguén. Ao mellor, é que, como xa andas con algo de xordeira, no canto de escoitar, falas. Non o sei, ti verás. O caso é que seguramente che tiraron das orellas e por iso esta semana non me contaches case nada. Soubeches, si, que andou por Vilalba, o sábado pasado, un grupiño coral de Lugo chamado Sólo Voces ao que che apetecía escoitar, e así mo comunicaches, pero non tiveches medios, seica, para achegarte aquí nin eu puiden ir buscarte. Non é que ti sexas moi adicto (máis ben, nada) á chamada música culta, pero a música coral, en principio, non deixa de atraerte. E este coro abofé que vale a pena, aínda que teña o nome en castelán e se acompañen dun piano, deixando, polo tanto, de ser sólo Voces

Pois ben, este grupo lugués presentounos un panorama moi atraente de música coral feita en Lugo ao longo do século vinte. O predominio foi, evidentemente, para os cantos das catedrais, tanto de Mondoñedo coma de Lugo, pero non faltaron pezas máis coñecidas popularmente como a Negra Sombra do lugués Montes, a cantiga de amor “Compañeira” do barbudo Mini, o de Fuxan e a Quenlla, xa sabes, ou a delicadísima “Lela”, un poemiña de Castelao no que se di que están as nubes chorando, supoño que xa te darás conta.

Pois ben, meu Antón, resulta que o director do coro, Fernando, cando anunciou esta última peza, agardaba que o público vilalbés a recibise cun especial eco de orgullo doméstico, porque, efectivamente, esta deliciosa melodía é froito dun noso paisano que se chamaba Rosendo Mato Hermida. Chamándose Mato, era evidente que algo tería que ver con Vilalba. E así é, pero non houbo a reacción esperada porque, polo percibido, case ninguén dos que alí estabamos eramos coñecedores nin da valía deste músico nin da súa procedencia vilalbesa. A min, como comprenderás, deume moita pena non ter nada coñecido desta riqueza artística con raíces entre nós. Tratei de pescudar un pouco e pregunteille a Pepe Leira que, en efecto, sabía ao menos de que familia era. Algo é algo para comezar. En consecuencia, desde aquí, ti, Antón e máis eu, botamos un desafío para que, por exemplo, algúns parentes do músico, como o apreciado Mato do Mesón ou o noso mestre Arturo, eficiente e eficaz secretario do IESCHA, se poñan a investigar algo máis e nos comuniquen outros logros deste vilalbés que, aínda que só fose pola aludida melodía, xa tería ben merecido ser rescatado do esquecemento dos seus paisanos.

E, aproveitando o tirón, cumpriría reservarlle, nalgún documento público, unha agradecida lembranza a outro músico de Vilalba, parente tamén de Arturo e de Rosendo, que era coñecido popularmente como Olaso. Pouca xente, mesmo do seu tempo, son coñecedores da valía que se lle recoñecía a este home, como instrumentista da frauta, entre os seus compañeiros da Banda da Coruña naqueles anos cincuenta e sesenta nos que esta agrupación coruñesa ostentaba o mellorciño da música que se facía na nosa terra. De feito, cando se representaba na Coruña unha ópera de categoría (unha ou dúas ao ano) cun esforzo de medios excepcional, adoitaba ser preciso traer de fóra reforzos de instrumentistas musicais inexistentes na cidade, pero nunca foi necesario que viñese un frautista, malia a singularidade deste instrumento, pois Olaso cumpría sobradamente ese labor, aínda que a cantante acompañada fose a mesmísima Monserrat Caballé ou a grandiosa Pilar Lorengar. Así que, en fin, aí lle quedan deberes impostos aos nosos amigos Matos, e, tamén por suposto, ao encargado da cultura no concello.

E, ao falar do concello, hei de me referir á política en xeral, porque ti, meu Antón, non paraches de me encirrar cos teus comentarios sobre a miserable panorámica que nos están a ofrecer os nosos representantes nas institucións. Polo que se ve, dicíasme, parece que as ideas desapareceron dos parlamentos e só nos quedan insultos, pendencias e descualificacións imparables na busca do poder. Por moito que o convenzan, ninguén é quen de manifestar a súa concordancia e cambiar, en consecuencia, o seu voto. E seguramente, coas vindeiras eleccións, o que nos agarda é que sigamos coa mesma trécola para noxo de todos: Zapatero é nulidade e Rajoi, un folgazán, segundo quen fale. E mentres, aí temos: implicados presuntos en corrupcións diversas son propostos impunemente como presidentes ou membros de autonomías, algunhas sospeitosas actuacións dos tránsfugas pasan desapercibidas para o persoal, e as ideas, de existiren, quedan fóra do debate. Xa verás, Antón, como nas eleccións para o noso concello non imos escoitar reflexións algo substanciosas, senón que, máis ben, uns e outros, han insistir no traballo cotroso de mercaren vontades mediante promesas de empregos ou doutras prebendas, aproveitando, claro, os postos que ocupan nas empresas ou na Administración. Todo sucio dabondo. E o máis curioso é que, malia todo isto, os cidadáns, como ovelliñas, seguirán a darlle votos a moitos dos que nunca na súa vida tiveron a luz dunha idea nin argumentos para a defender. Só a causa de seren propostos por un partido dos grandes. Dos grandes, porque dos outros habería que matizar algo máis.

Fíxome sorrir a viñeta de humor galego dun tal Gogle, moi surrealista, que me mandaches hai uns días. Non é máis ca un chiste nin a cousa ten máis malicia, pero, se nos fai sorrir é porque indica un estado de ánimo da poboación. A viñeta mostra a dous vellos en conversa:

- estou preocupado, o meu neto dixo que non quería estudar

- e logo, que pensa facer

- non fai máis que dicir que quere ser alcalde

Que non se vexa falta de respecto, pero a política, efectivamente, non está respectada. E isto debería facer reflexionar.

Neste contexto de pobreza política, paréceme moi ben a túa proposta dunha adiviña: quen é o político que ten experiencia, que non só ten ideas senón que quere ter máis, que sabe discutir con calma e que non vai estar no concello? . Eu supoño que sei a resposta, pero vou deixar sen poñela para que cada quen poña a súa. O que si che digo, aproveitando a túa insinuación, é que un pobo non pode prescindir alegremente dunha persoa así, sexa do partido que sexa. Máis ideas e menos ansias de poder, é o meu resumo. Espero que ti, Antón, cadres de acordo, xa me dirás.

Nada máis por hoxe. Unha aperta suíña, pero agarimosa de

Bernardo

27/02/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión