Homenaxe a Francisco Río Barja

Redacción.-

O Consello da Cultura Galega homenaxeará e recordará o xoves 24 de febreiro ás 19 horas ao xeógrafo, catedrático e escritor Francisco Río Barja (1919-2011), un dos fundadores da institución e membro do seu Plenario desde 1983 ata 2010. No acto participarán tamén representantes da Real Academia Galega das Ciencias, Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, Real Academia Galega e Universidade de Santiago de Compostela, das que foi parte o ilustre profesor desaparecido.

O acto de homenaxe será presentado por Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, e contará coas intervencións iniciais, “Francisco Río Barja na memoria”, de Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, e Salvador García Bodaño, poeta e académico.

Seguirá un recital de piano a cargo de Xulio Mourenza, profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que interpretará obras de Claude Debussy e Xan Durán.

Falarán despois os resentantes institucionais: Miguel Ríos Fernández, vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias; Eduardo Pardo de Guevara, director do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.

Por último proxectarase un vídeo coa imaxe e a palabra do homenaxeado.

DIVULGADOR DA XEOGRAFÍA
Francisco Río Barja faleceu o pasado 6 de xaneiro aos 91 anos de idade. Ramón Villares lembrou entón o seu traballo no Consello da Cultura Galega, institución da que formou parte desde a súa creación en 1983. Primeiro como representante do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, do que era daquela director, e desde 1996 a marzo de 2010 como persoeiro elixido polo Plenario. Entre os seus traballos citou publicacións como “Os ríos galegos”, os vídeos “Xeografía de Galicia” ou o “Diccionario Xeográfico de Galicia”.

Salientou o contributo do profesor Río Barja, quen fora discípulo de Ramón Otero Pedrayo, ao desenvolvemento dos estudos e investigacións en todo o relacionado coa Xeografía e os seus traballos pioneiros en Xeografía Económica, nomeadamente os referidos aos ámbitos comarcais galegos. “Alén da súa longa e intensa dedicación docente, foi un gran divulgador e popularizador da Xeografía de Galicia cos seus libros e, moi especialmente, a través dos traballos realizados desde o Consello da Cultura Galega en colaboración coa a Televisión de Galicia”, dixo Ramón Villares, quen recordou a Francisco Río Barja como “un home discreto, amable e elegante”.

Aquí pode descargar o PDF do folleto informativo sobre o evento.

15 de feb. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión