Non llo perdoan

Fermín Bouza.-

Sobre un fondo de escenario onde aparece a volta de Ruiz-Mateos e no que un grupo de señoras fanatizadas por moitos anos de franquismo e barbarie mental e moral van cantar o "Cara al Sol" a Candeleda, nun acto polas vítimas daquel golpe de estado cruento e cruel que puxo ao agora Reino de España nunha situación de illamento internacional, extenuación económica e inferioridade moral ante o mundo, situación que aínda dura en parte en todos eses ámbitos, sobre un fondo, digo, así, pasamos a conmemorar o 30 aniversario de 23-F.

Aquel golpe foi o último intento da xeración activa dos militares (non profesionais a maioría antes do golpe) da Guerra Civil, por impedir un proceso moderadamente democrático no que se recuperaron as vellas liberdades sempre cun fondo de escenario semellante ao citado ao principio. A eses militares da guerra acompañáronos activamente nesa aventura do 23-F moitos outros de xeracións novas ou moi novas formados polo propio franquismo nos principios do chamado "Movimiento", no autoritarismo, o desprezo ao pobo e a súa vontade, e a manexar unha idea de España non só rifada coa historia e coa realidade senón enfrontada co ben común, a democracia e todos os dereitos humanos que esta carrexa.

De seguir aquel día o proceso triunfal do golpe, é máis que probable que entrásemos nunha dinámica a medio prazo de nova guerra civil e é probable que a sociedade internacional, agora si, non tivese máis remedio que facer o que entón, en 1936, non fixo: apoiar claramente á democracia, deixando as mans libres aos fascistas aos que logo terían que combater gravemente con perdas millonarias de vidas humanas de até, quizá, 70 millóns de persoas. O primeiro millón puxémolo nós.

O 23-F foi un intento de repetir todo aquilo, pero xa non foi posible, sobre todo porque a conciencia popular normalizouse e estabilizou ao redor da liberdade. O Rei puxo moito do seu parte para que fose así, contra o que os ultras mediáticos teñen tratado de difundir. Non é estraño que a súa figura fose un obxectivo importante da ultradereita mediática nestes últimos anos: non llo perdoan.

22/02/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión