O calendario exipcio

Moncho Paz.-

A reflexión humana sobre o tempo vén da época de Platón e dende entón seguimos a darlle voltas ao tema. O filósofo grego ensinounos a diferenciar entre o tempo subxectivo –o de cada persoa– e o tempo obxectivo, entendido éste como a duración dos acontecementos. En definitiva, unha cuestión interminable que segue a ser motivo de debate nos nosos días. Hai xustamente trinta anos, sendo un adolescente, puiden ver en televisión as imaxes do asasinato de Anwar el-Sadat, daquela presidente de Exipto, por un grupo de militares partidarios do integrismo islámico. Ata ese momento o país norteafricano era para mín o símbolo dunha civilización fascinante, aínda que descoñecida no que se refire á súa historia contemporánea.

O seu sucesor foi Hosni Mubarak, que durante tres décadas ostentou o poder coa herdanza de postergar a causa da unidade árabe e da loita contra Israel, en beneficio dunha política supostamente máis realista e encamiñada a fortalecer o desenvolvemento de Exipto. Predicando o liberalismo económico, abriuse moitas portas en Occidente, pero en detrimento das liberdades individuais. E hoxe o férreo réxime implantado por Mubarak agoniza e depende totalmente do calendario e das circunstancias, por moito que se empeñe en insistir en que “quero dimitir pero non podo” co argumento demagóxico de que sería o caos do país.

Como sempre, os que pretenden manter o poder a calquera prezo tentan librarse dos que cumprimos coa función de informar. Son inaceptables as agresións que están a sofrir os xornalistas desprazados en Exipto, acusados polos partidarios de Mubarak de ofrecer unha imaxe que non se axusta á realidade. Basta con escoitar as crónicas de Rosa Molló en TVE para ver a gravidade dos sucesos que se producen na Praza Midan Tahrir (ou da liberación) do Cairo, convertida nun auténtico campo de batalla e tamén na estampa dunha ditadura que esmorece día a día. O anuncio presidencial de formar un novo Goberno é un insulto á intelixencia, pois nada cambiará mentres siga o actor principal. Na astroloxía exipcia estamos nos días de Bastet, a deusa gata, que trae protección para o fogar. Oxalá leve a Mubarak ben lonxe para que regrese a ilusión á beira do Nilo.

04/02/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión