Tristes tempos

Xulio Xiz.-

De novo as igrexas son punto de referencia para os amigos do alleo, e sofren os nosos templos o ataque de quen non respecta o máis sagrado e coida obter nun momento un sustancioso beneficio.

Non quedan tan lonxanos os tempos en que os templos eran intocables, e se non quedaban as portas abertas era para que non entraran neles os animais, que a fe imperante era abonda para evitar que ninguén entrase nun templo con malas intencións.

Ademais, daquela as aldeas estaban densamente poboadas e arredor das igrexas había unha vida intensa, sendo estas o centro das actividades, o punto de referencia ineludible de toda a parroquia.

Cambiaron radicalmente os tempos no decurso dunhas décadas, e as aldeas despoboáronse en beneficio das cidades e pobos, podendo as aldeas volver á vida as fins de semana coa visita dos que regresan os venres á noite, pero o resto da semana todo é silencio.

E por outra parte, aquel sentemento de querencia polos bens comunais pode seguir, e podemos seguir considerando nosas as igrexas, pero para os de fóra a igrexa chega a ser un lugar onde presumiblemente hai riquezas que poder levar, hai diñeiro ou xoias que é o que buscan os amigos do alleo que coidan atopar os perfectos lugares onde roubar sen perigo de ser descubertos.

A colocación de alarmas non é sistema moi práctico, polo custo da instalación e mantemento, e porque normalmente as casas están lonxe desas igrexas, e non é doado que se escoite unha alarma no caso de que esta salte. Que se os ladróns son relativamente “profesionais” saben perfectamente como desconectalas antes de que cheguen a soar.

Dun tempo a esta parte, optouse por retirar das igrexas rurais os obxectos de máis valor, e mesmo as imaxes, de xeito que as visitas nocturnas dos cacos ás igrexas vanse saldar con resultado escasamente fructífero, pero as repetidas oleadas de roubos demostran que a necesidade dos que se dedican ó roubo aumentan, e que de pouco vale que o resultado non sexa moi interesante, que ás veces son peores os danos causados que o importe do roubado.

Toca, agora, de novo, sufrir os ataques nocturnos ás igrexas chairegas para levar o que queda de valor no interior ou no contorno, que todo vale cando se trata de esquilmar ou facer mal. Ou non tan nocturnos porque mesmo en Vilalba, en pleno día, forzaron a caixa das limosnas do interior da igrexa parroquial, onde ó ser baleirada cada día tampouco se podía agardar un gran botín, e nas terras de Guitiriz onde se contentaron con roubar os focos que iluminaban o exterior do templo.

Tristes tempos estes nos que se busca un mínimo rendemento atacando o que en tempos se consideraba o máis sagrado; pobres tempos os que os danos que se causan – económicos ou morais- son moito maiores que o resultado previsible de calquera acción.

O tema económico ten moito que ver. Pero máis ten que ver aínda o menosprecio polo que é colectivo, público, de todos, xa non digamos por aquelo que move ós demáis a crer, que inflúe decisivamente na vida dos demais.

Non digo que teñan que volver tempos pasados de miseria e oscuridade. Teñen que vir tempos novos nos que repectemos o que é de todos; nos que respectemos aquelo que a nós pode non afectarnos pero é motivo de crenza, de devoción, para os demais.

9 de feb. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión