Cuestión de hixiene

María Xosé Lamas.-

Na época en que lle tocou vivir ao Golpe a maior parte da súa existencia non había un sistema sanitario público coma o actual que garantira a atención médica e moito menos que fomentase a hixiene e o coidado da saúde. A mortalidade infantil era elevada, non existían vacinas e os miúdos sufrían o xarampón, a tosferina, a varicela,… como enfermidades que había que pasar si ou si. Aos poucos médicos que exercían só se acudía en casos moi graves, pois para os nacementos existía a parteira e a extracción dunha moa corría pola conta do barbeiro. O resto das doenzas paliábanse coa menciña natural a través de curandeiros que receitaban herbas e bendicían males tanto das persoas coma dos animais domésticos.

Doutra banda, os temas de saúde e hixiene tampouco eran susceptíbeis de seren tratados na deficiente escola da época, como ocorre actualmente. A primeira lei de educación que tenta organizar un sistema educativo en España é a Ley de Instrucción Pública de 1857, promovida por Claudio Moyano, sendo este Ministro de Fomento, e asinada por Isabel II o 9 de setembro dese mesmo ano. Esta lei permanecerá en vigor máis dun século, sendo obxecto de certas reformas dependendo do bienio gobernamental de cada momento (liberal ou moderado) e da forma de goberno (monarquía, república ou ditadura), que por todas pasou o país. Mais ningunha das súas modificacións engadiu aos programas en cada intre a Educación para a Saúde. Tampouco a Ley General de Educación promovida polo Ministro Villar Palasí en 1970, de substitución da anterior, incluíu no seu articulado programas explícitos desas materias. Só na época da ditadura, e só a muller, tivo acceso a coñecementos rudimentarios sobre estes temas a cargo da Sección Feminina a través do “campamento” ou servizo social ao que estaba obrigada.

A toda esta ignorancia hai que engadir a falta de medios. Non existían cuartos de baño, nin xabón nin deterxentes, apenas auga de traída nas cidades máis poboadas e fontes e pozos a onde acudir por ela nos pobos, que tamén carecían de recollida de augas fecais. No medio rural a escaseza aínda era maior.

A casa, en xeral, mantíñase limpa a base de vasoira para o chan de lousa ou terra e de pedra e area, para a madeira de pisos e mobles. A roupa lavábase no río con xabón feito na casa con graxa vella, sosa cáustica, talco e azulete; A louza con xabón e carqueixas, actuando en ocasións como desengraxante o mel.

Lembro no cuarto da casa do tío José unha trapela de madeira que tapaba un burato que daba á corte. Un día pregunteille para que servía e dixo que era o retrete. Na casa da avoa non había tal cousa: para mexar polas noites usabamos penicos. Pero polo día era a corte (para augas menores) e a horta (para aliviarse do corpo), usando unha verza ou unha presa de herbas ou felgos como papel hixiénico, o que facía as veces de cuarto de baño.

O aseo persoal non era moito máis completo. Cada certo tempo a xente lavábase nunha tina de zinc con auga temperada e “por parroquias”, mudando tamén a roupa interior. O aseo diario consistía en lavar a cara na palangana que había no cuarto. Os cepillos de dentes non se coñecían e a pasta dentífrica tampouco. Era unha época na que unha pastilla de “xabón de olor” supoñía un dos mellores agasallos, xunto cos panos das mans, para aniversarios e onomásticas. Aínda eu lembro de nena o cheiro do heno de Pravia “el aroma de mi hogar” como cousa excepcional. Non en todas as casas tiñan eses luxos.

17/03/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión