A novela de cada quen

Mario Paz González.-

Se foi Proust, coa súa abafadora fecundidade, quen nos ensinou que era posible converter a exploración da memoria en inxente materia novelesca até o punto de facer nebulosos os límites entre vida e obra, é coñecido que contaba, no que atinxe á literatura gala, con extraordinarios e ilustres precedentes. Xa Flaubert dixera un pouco antes aquilo de que Madame Bovary era el, pero tamén Montaigne tíñanos advertido, uns cantos séculos atrás, de que el, e só el, era o tema da súa obra, eses Ensaios que, como lembraba estes días Jorge Edwards na presentación do seu último libro (La muerte de Montaigne, Tusquets), “son novelas modernas” ou que, polo menos, poden lerse como tales. Con todo, entre todos eles, destaca François-René de Chateaubriand, quen consagrou case toda a primeira metade do século XIX a redactar as súas voluminosas Memorias de ultratumba.

Nelas o diplomático e escritor francés ofrece, con locuaz mestría e cunha inmediatez que mestura a experiencia vivida co devir histórico, algúns dos acontecementos máis memorables da súa época. A súa mocidade de soldado viaxeiro durante a fin do Antigo Réxime e a Revolución, a súa madurez no mundo literario do Imperio napoleónico e a súa senectude inmersa de cheo na política da Restauración son amosadas, non a través da mirada diseccionadora e fría do historiador ou dese engolamento afectado de calquer narrador decimonónico, senón a través dos ollos curiosos e ávidos dun ser humano, de alguén vivo que comparte as súas inquietudes, os seus medos ou as súas esperanzas, como pegadas de imaxes reais, co agradecido lector.

No prólogo de Jean-Claude Berchet á edición de El Acantilado (2004) relátansenos –con esa agudeza e lealdade incondicionais propias do experto– algúns dos avatares que sufriu o seu autor para publicalas. A intención inicial de Chateaubriand era que visen a luz cincuenta anos despois da súa morte, de aí o macabro título. Con todo, “que editor”, pregúntase Berchet, “aceptaría nunca unhas condicións semellantes?”. Finalmente, a fin de salvalas do esquecemento ou a destrución, a súa amiga madame Récamier daría solución ao problema orquestrando en 1834 unha serie de lecturas públicas ás que asistiron amigos, confidentes e críticos consagrados de xornais como a Revue de Paris. A partir de aí constituiríase dous anos despois, en 1836, unha sociedade que poderá administrar os dereitos de publicación tras a morte do seu infatigable autor e da que este vai recibir 136.000 francos á firma do contrato e unha renda anual vitalicia de 12.000 francos para poder completa a obra nos case dez anos seguintes. Non é difícil imaxinar, pois, a decepción que debeu sentir cando soubo que, en 1844, os devezos dos seus patrocinadores de obter un beneficio inmediato que parecía non chegar, malia un Chateaubriand septuaxenario e afectado de hemiplexía, provocaron que se truncase o propósito orixinal e que unha parte das Memorias... vise a luz de xeito fragmentario e desleal naquel mesmo ano.

As historias dos libros e das vicisitudes que os achegan ao lector, adoitan ser antolladizas. A súa presenza entre nós, se cadra, ás veces tamén. Se as Memorias…, ás que Chateaubriand consagrou a súa vida, tardaron finalmente case un século en publicarse nas condicións que el desexaba, pregúntome se o diplomático francés albergaría os mesmos sentimentos contraditorios que un sente, entre a simpatía e a frivolidade, ao saber que, hoxe día, unha editorial do seu país, Editions Comédia, ofrece a través da súa web (www.monroman.com) a posibilidade de que cada un de nós sexa protagonista da súa propia novela. É tan sinxelo como seguir unha serie de pasos –escoller o xénero, achegar algúns datos persoais sobre un mesmo, os nosos amigos e algunhas circunstancias…– et voilà, en poucos días temos xa o libro nas nosas mans.

30 de mar. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión