avozdevilalba.com estrea nova imaxe

Redacción.-

Avozdevilalba.com estrea nova imaxe aproveitando o seu terceiro cumpreanos na rede con seguidores non só en Galicia, senón tamén noutros moitos puntos da xeografía mundial (EE.UU., Reino Unido, Francia ou Xapón, como amosa a nosa conta de Facebook). A iniciativa desta web xurdíu como homenaxe a unha cabeceira local dos anos oitenta -a única existente daquela en Vilalba- que mereceu unha recopilación en edición facsímil da Universidade Rey Juan Carlos e que retomaba entón, case de xeito crepuscular, un testigo deixado por unha senlleira tradición xornalística que estivera presente con moita forza na capital da Terra Chá ao longo das primeiras décadas do século XX.

Sen esquecer aquel sentido de homenaxe, avozdevilalba.com tenta desde o seu comezo ir un pouco máis aló aproveitando os novos medios e a plataforma dixital. Para iso conta coa colaboración de firmas senlleiras como as de Fermín Bouza, Antón Baamonde, Xulio Xiz ou Xosé Manuel Pacho. Ademáis de amosar, ao mesmo tempo, notas de información cultural dalgúns dos eventos máis destacados do panorama actual. E todo iso sen renunciar ao galego como lingua vehicular.

Entre os fitos acadados nestes anos cóntase a edición en formato pdf de 32 números da revista avozdevilalba.com, que se poden baixar da nosa Hemeroteca que compila a maior parte dos contidos publicados na web. Tamén, entrevistas a personaxes como Ramón Villares ou Ramón Chao e, sobre todo, a recuperación, a pasada primavera, de dous temas inéditos do mítico grupo folk dos oitenta Xorima, comandado por Xosé Ramón Vázquez, actual membro de Fía na Roca.

07/05/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión