Carlos Callón o venres 13 en Vilalba

Redacción.-

O vindeiro venres, día 13 de maio, ás 20,30, na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro “En castellano no hay problema”, do que é autor Carlos Callón, presidente de A MESA pola Normalización Lingüística.

Carlos Callón une neste libro textos que abordan a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, deténdose con máis vagar na política lingüística do período do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo. Nestas páxinas o autor, ademais de rebater con argumentos algúns dos prexuízos e tópicos máis asentados contra a lingua galega, analiza a situación do idioma, repasa reivindicacións, presenta alternativas, convida ao protagonismo individual para transformar a sociedade e alerta das medidas que deberían adoptar os poderes públicos. En castellano no hay problema é, en definitiva, un libro útil e operativo para a encrucillada en que se encontran a nosa lingua e a nosa cultura.

No acto intervirán o propio autor do libro, Carlos Callón, e Xosé Mª Felpeto Enríquez, membro da Xunta Directiva do IESCHA.

Carlos Manuel Callón Torres, nado en Santa Uxía de Ribeira o 26 de agosto de 1978, é licenciado en filoloxías galega e portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesor de lingua e literatura galega no ensino secundario.

Foi concelleiro por parte do BNG na súa vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, e membro do Consello Asesor de RTVE en Galicia entre 2001 e 2002. A partir de 1995 ocupou diversas responsabilidades na Mesa pola Normalización Lingüística, organización de cuxa xunta directiva nacional é membro dende 1995 e que preside desde 2002. É presidente tamén do padroado da Fundación Vía Galego, desde a súa constitución en 2006. Preside tamén a Fundación Via Galego e a federación estatal Diverslinguae, desde a constitución de ambas, en 2006 e 2008, respectivamente.

É membro do grupo Galabra da USC e do consello de redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade. Colaborou nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega, da Universidade da Coruña.

É autor de diversos traballos centrados na sociolingüística e mais nos estudos literarios, dados a coñecer en diferentes congresos e revistas especializadas. Así mesmo, é autor dos libros Unha historia que nos pertence (A obra poética en galego de Lorenzo Varela) (2005) e En castellano no hay problema (2010) -o libro que se presenta neste acto-, no cal aborda a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, facendo especial fincapé na política lingüística do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo.

En febreiro de 2011 gañou o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais coa obra Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media[4], na que analiza a aceptación da adelphopoiesis na Idade Media.

Entre outra documentación, analiza un documento de 1061 recollido no Tombo de Celanova, polo cal Pedro Díaz e Muño Vandilaz subscribían unión en Rairiz de Veiga.
(

11/05/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión