Circo electoral

Iago Castro.-

Haiche xente para todo. Mesmo, pobriños, están os que protestan pola frecuencia das convocatorias electorais. A ver, meus, non vos presta o circo electoral? Os pavos estes traballando, para variar, pateando corredoiras en procura do voto perdido? Porque a min mólame un güevo.

Veterinarios 2 – avogados 1. A proporción ven invertir a tónica xeral da política –onde os picapreitos son abrumadora maioría, labia obriga- aquí na vila branca que cantaran os poetas. Non vou facer o chiste doado, of course, pero aí queda o dato. Dá xenio velos debatir de forma cuase civilizada –corramos un estúpido velo: a transversalidade existe-, aínda que algún esquecera quen o convidaba a debater. De esquerda a dereita, segundo se mira, e sen que sirva de precedente, as maneiras son ben significativas:

Unha, con catro chorradas do folleto este saio do paso, que total aquí non é onde vou gañar as eleccións…

Dúas, mimadriña canta xente… o que prestaría unha campaña sen actos públicos…

Tres, a por eles, que son poucos e covardes…!!!

Pulsando a opinión pública –aquela opinión que frecuenta figóns e tabernas, sorry, pero a noite non deu para máis- a clara gañadora é a candidata da estrela na fronte, aínda que o voto non se pide por favor. O foro é o que ten, que dá moitas táboas. Pero ollo, que o seu compañeiro/mentor tamén arrasou no 2007 e, o día da verdade, quedou máis orfo que a unha, a velas vir.

Pese a semellarse máis a un flan que a outra cousa –un candidato con opcións, por exemplo-, o da rosa no puño –literalmente- parece que convenceu a… votantes conservadores desencantados. Ollo, que son máis de catro, e se acaso non lles gustara o first, hai indubidables querencias pola súa compañeira de reparto, quen por certo, está a bater o cobre como non o fixo cando tiña máis motivos.

E o noso Jorge Negrete particular, na súa liña. Leña ao bipartito, que é de goma, ZP ten rabo e cornos… que estrullada lles debeu quedar a cabeza aos estrategas da gueivota, macho. Non faltou o ramalazo populista –e o tiro pola culata, por certo- e sobraron, como sobran sempre, as formas.

Un xa vai até os eggs da pregunta do millón: e que vai pasar? –o 22-m, enténdase, nesta nosa capitaldaterrachá- … Pois, de momento, augurios de que de novo ferverán os radiadores dos taxis de ocasión nos feudos azuis –aquelas zonas onde vota até o Tato, capisci?-, sinal de que hai certa paura ao que poda pasar. The red enemy leva tres ou catro convocatorias subindo, subindo… Nunha destas pode pasar algo e, non é por nada, pero non é plan de amargarlle os anos ao gran senador eterno.

E ademáis, está en xogo o ente provincial, fonte de sinecuras onde as haxa. Xa avisa o candidato popular, aquí vanse seiscentos mil euros en asesores, señores… Que non quedará un lugués que non asesore dalgunha maneira, polo que se ve. Listos que somos. O que non especifica é se lle parecen poucos, que ao mellor. E tampouco di nada do mobiliario de sanmarcos, nin de posibles paseos en barco do actual inquilino, que todo podería ser. Se cadra o modelo acaído é o da República Independente das Burgas, ese burato negro cósmico que non dá rebentado, pese ao superávit de antimateria que contén. O dito: espectacular.

16 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión