Concerto das Letras Galegas

Redacción.-

O Consello da Cultura Galega programou para o día 17 de maio o “Concerto das Letras Galegas”, que ofrecerá a orquestra Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. Será ás 20 horas na igrexa de San Domingos de Bonaval e unirá música e palabra nas partituras de destacados compositores sobre textos de figuras sobranceiras da litreratura galega. O Plenario da institución, a proposta da Sección de Música e Artes Escénicas, aprobou a organización deste concerto institucional o pasado 28 de abril.

A Real Filharmonía de Galicia, acompañada pola soprano Carmen Durán e o coro “Collegium Compostellanum”, interpretarán obras de Pascual Veiga, Antón García Abril, Antonio Iglesias, José Castro “Chané” e Rogelio Groba. Trátase de partituras compostas sobre textos de Rosalía de Castro, Álvaro de las Casas, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez e Xosé Filgueira Valverde.

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, subliñou o obxectivo de “contribuir con este concerto institucional ao reforzamento da dimensión festiva e conmemorativa do Día das Letras Galegas” e salientou “o valor esencial que a música ten na preservación da identidade cultural de Galicia”.

Para a organización do “Concerto das Letras Galegas” o Consello da Cultura Galega contou coa colaboración do Consorcio de Santiago, que puxo a disposición a Real filharmonìa de Galicia, e do Arcebispado de Santiago de Compostela, que acolleu a petición de celebralo, polo seu alto valor simbólico, na igrexa de San Domingos de Bonaval, onde repousan as cinzas de ilustres devanceiros.

10 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión