Cui Prodest "Non os votes"

Bruno Marcos.-

As emerxencias revolucionarias dos últimos tempos no mundo árabe parecen contaxiar ao noso país e asistimos a unhas protestas enigmáticas que non conseguen desprenderse dun aire chocarreiro. Algúns acamparon na Porta do Sol coma se esta fose a praza exipcia de Tahrir e paradoxalmente exhíbense as mesmas consignas: "Democracia real xa", coma se o estado no que vivísemos non distase en nada dos de Mubarak ou Gadafi, e o que alí, en Exipto ou en Libia, tiña un sentido vivo aquí teno irremediablemente laso.

Canto confundirán estas manifestacións a aquelas xentes que, cunha papeleira por casco, resistían as choivas de pedras e os embistes de camelos. "Pero", diranse, "que piden eses españois se o que nós desexamos é o seu?"

Se cadra debería gritarse algo así como: "Melloremos a democracia", ou "Esta democracia non" ou "Sexamos realistas: A democracia non é un sistema perfecto", ou "Os políticos fan o que poden: Poñamos a outros que poidan máis".

Pero a indefinición dese movemento vén da man dun "nonosvotes", ao PP, ao PSOE e CIU cuxa genealogía radica na negativa dos internautas á lei Sinde. Hoxe un representante desta plataforma aclarou na radio que co "nonosvotes" non pretendían que a xente non votase senón que o pensase mellor. Outros deles din que vai a cousa contra o bipartidismo, e outros contra as hipotecas.

E a quen beneficia que non se lles vote, cui prodest? Evidentemente aos partidos minoritarios que terían máis poder a través de pactos de goberno. Con iso teriamos servida a contradictio in terminis, se pedimos máis democracia, como é posible que sexa máis democrático que forzas con moi poucos votos obriguen a outras en determinadas accións políticas? Para iso os eslogans poderían ser : "A democracia levou a Sócrates ao cadalso e a Hitler ao poder: obremos o goberno da minoría", ou, mesmo, a de Sawa "Demonarquía, goberno das ras, aristarquía goberno dos cisnes".

Se este brote de acne revolucionaria de pouca voltaxe viñese ben armado podríase ver a cegadora faísca do histórico como percibimos algúns no de Tahrir. As revolucións nosas posibles pasan por un compromiso cotián coa construción dun discurso máis aló da retórica, con usar, primeiro, os medios dos que dispomos e despoboar o cinismo. Acampar na Porta do Sol é unha acción retórica e, o peor, intranscendente se non se dota de contido "real" como esa democracia "real" que se demanda. As listas abertas ou a reforma electoral son cousas que veñen reclamando UPyD ou Esquerda Unida desde que os seus votos non lles son suficientes. Na carta de José Luís Sampedro apúntase o obxectivo, que a economía non estea por encima do estado, pero é que iso, probablemente, obríguenos a asumir que en lugar de ser máis ricos seremos máis pobres, que en lugar de vivir un mundo fantasmagórico producido polas hipotecas haberemos de habitar outro máis "real".

Que a vida política española é putrefacta é evidente, que hai infinidade de motivos para non votalos tamén e que, seguramente, a cidadanía estea por diante da política, por suposto, pero o que este "nonosvotes" debe iniciar é unha substitución da política polo político, como ocorreu en Tahrir.

É hora de falar sen andrómenas dos problemas intrínsecos á democracia, non dos malos actores da democracia senón dos seus defectos sen que se nos tache de nostálxicos do fascismo. Se xa Platón deixou dito: "Ou gobernan os sabios ou os políticos fanse sabios" era por algo.

20 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión