Da ética política

Xosé María Felpeto.-

Entre o 5 e o 16 de abril, a Federación Galega de Comercio, en colaboración con outros organismos, impulsou en Vilalba unha campaña de promoción do comercio local. Baixo o lema “As compras na túa vila teñen premio”, quen neste tempo mercase produtos nas tendas tradicionais recibía boletos para participar nun sorteo de premios en metálico.

Como case todo o mundo sabe, é deber institucional, non favor do goberno de quenda, fomentar este tipo de actuacións para facilitar o desenvolvemento económico.

No acto de clausura, dous dos oradores saíron do guión dos antecesores para falaren de calquera cousa agás do que se estaba a celebrar. O alcalde farfallou case exclusivamente do goberno amigo da Xunta, socio benefactor que seica fixera posíbeis as obras do aparcadoiro subterráneo e as da rúa Porta de Cima, obviando intencionadamente, iso si, as financiadas con fondos estatais. Pola súa banda, a Directora Xeral de Comercio baseou a súa intervención nunha afervoada defensa da xestión do actual goberno autonómico, adornando o seu mitin con alusións a “persoeiros ilustres” da Vila coma o sr. Fraga, a quen xa nin mentan os seus por estes lares, ou o sr. Rouco, que non sei que tiñan que ver co evento. Isto foi o que obxectivamente ocorreu, malia que parece que non todos os presentes quixeron escoitar.

A verdade é que nada me sorprendeu, aínda que si me indignara, coma a outras moitas persoas presentes. Vén sendo habitual que algúns aproveiten estas ocasións para vender favores, dicir medias verdades e facer demagoxia barata. É o recurso habitual do político de curto percorrido, de discurso limitado, ou o do manipulador na procura de rendibilidade electoral. Non sei se a súa capacidade lles permitirá albiscar o prexuízo que mesmo poden ocasionar neste caso ao comercio, que vive de consumidores que non teñen pensamento único nin ideoloxía uniforme.

Non vou ser eu quen, por defensor dela, poña límites aquí á liberdade de expresión; faltaría máis. O que penso é que hai un tempo para cada cousa e sobre todo cómpre ter un mínimo de respecto institucional a unha audiencia plural. Por ética e tamén por estética. Quen non o entenda así ou é parte interesada ou ignora certos principios.

11 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión