Festiletras 2011

Redacción.-

Os participantes na actividade “Noites do prácido luar”, que se realiza durante as fins de semana na Fundación Eduardo Pondal, deron a coñecer hai uns días o programa das FestiLetras 2011. O elenco de novos actores e actrices, que está formado por Tania Villar, Esteban Rey, Lucía Blanco, Sofía González, Miriam Amado, Carmen Fuentes, Tamara Lema, Maxi García, Eva Parga, Leticia Recarey, Uxía Varela, David Amado, Alba Santiago, Romina Castiñeira e Alba Costa, baixo a dirección de Lucho Penabade, terán un protagonismo pondaliano especial na presente edición da Festa das Letras de Monte Branco e da Fundación Eduardo Pondal.

Unha vez máis, son nove días de programa no que a lingua estará presente en multitude de actividades e que se artellan baixo o paraugas da conmemoración do 150 aniversario da publicación do poema ‘A campana de Anllóns’. A presente será a XXIXª edición das Festas das Letras celebrada no Couto.

A cita arrancará o vindeiro sábado 14 de maio ás 22.00 h na Casa dos Veciños coa conmemoración do 50 aniversario da publicación das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Lerá o pregón a actriz Isabel Martínez-Risco Valdivieso, Alba Costa, Tamara Lema e Esteban Rey escenificarán, “Os novos balbinos” e Candido Pazó subirá ás táboas, “As memorias das Memorias dun neno labrego”. Contarase coa presenza do escritor don Xosé Neira Vilas.

O domingo 15 de maio, en xornada de mañá, terá lugar a homenaxe ós Bos e Xenerosos. Nesta ocasión recibirán un busto pondaliano Xesús Alonso Montero, Antía Cal Vázquez e Xosé González Martínez. Ademais da ofrenda floral no monolito pondaliano, actuará a Coral A Oliveira de Monte Branco cos temas: “Maruxiña” de Eduardo Pondal; “Ruada de Chamoso”, popular; “O carro”, de Manuel María; “Como hei vivir”, de Bernardino Graña. Todo o acto será presentado pola xornalista María José Imia.

En xornada de tarde, Luís Giadás e Sofía González realizarán unha gravación especial de “Non des a esquecemento” cos convidados do primeiro semestre desta actividade. Pechará a xornada o dramaturgo Quico Cadaval con humor na “Casa da Oralidade” tras a presentación do actor malpicán Santi Romai.

O luns 16 de maio o programa, baixo a sección a Fundación Eduardo Pondal viaxeira, desprázase ó CRA Nosa Señora do Faro (Xornes, A Campara, Tella). O alumnado poderá conmemorar as Letras coas intervencións de Pepe Maravillas e o seu “Obradoiro de música tradicional”, coa de Tamara Lema e Silvia Losada e o seu concerto, “Pondal e Rosalía do A ó Z” e co obradoiro de animación á lectura de Ana María Fernández e Xoán Babarro autores que serán homenaxeados este ano por Monte Branco.

Pola tarde, a partir das 18.00 h, principiarán unhas xornadas formativas tituladas «As campás na literatura» nas que intervirán Félix Neira cunha “Comunicación literaria: un inédito de Pondal”, Miguel Anxo Mato Fondo cunha “Análise lingüística e literaria do poema «A campana de Anllóns»”, Diana Varela Puñal cun “Recital poético”, Miguel A. Mato Fondo coa “Presentación de dous libros: Manuel María e Lois Pereiro (Letras Galegas 2011)” e con César Morán cunha, “Proposta musical no centenario de Cunqueiro”.

Ás 23.00 h, Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz ofrecerán un concerto musical en lingua galega.

O martes 17 maio, Xosé Manuel Varela coordinará, pola mañá, un especial «A Cova Céltica» desde Radiovoz Bergantiños. Durante esta emisión radiofónica participarán en directo os autores homenaxeados este ano (Xoán Babarro e Ana María Fernández), así como outros partipantes no programa como aqueles que foron homenaxeados por Monte Branco en anos anteriores. Como exclusiva, Silvia Losada presentará un adianto de gravación músicais sobre poemas de Eduardo Pondal.

Pola tarde, ás 18.00 h, terá lugar a intervención de Cristian Magic cun espectáculo de maxia baseado no libro Atrapado na torre coa presenza Xoán Babarro e Ana María Fernández.

O mércores 18 de maio botará a andar de novo a Fundación Eduardo Pondal viaxeira. Nesta ocasión, as tres animacións desta actividade acudirán ó CEIP Eduardo Pondal (Infantil e Primaria) en xornada de mañá e tarde.

Ás 18.00 h terá lugar a segunda sesión das xornadas formativas «As campás na literatura». Nesta ocasión, os convidados serán Xosé Pumar Gándara cunha conferencia sobre “As campanas de Bastavales”, Donato de Eirapedriña cun “Recital poético” e Rosalía Fernández e Serxio Moreira coa “Presentación do libro Atonía”. Nesta, tamén participan os pintores Mon Lendoiro, Viki Rivadulla, Emi de las Heras, Chiña, Fátima Forte e Susana Llorente.

O xoves 19 maio a Fundación Eduardo Pondal viaxeira desprazarase pola mañá ata o CEIP As Forcadas de Corme. Ás 16.30 h, Xoán Babarro e Ana María Fernández realizarán unha vistia literaria á nova Biblioteca Municipal de Ponteceso. A partir das 17.00 h, será a última sesión das xornadas «As campás na literatura». Nelas Xabier P. Docampo falará sobre o “Cumprimento dos 25 anos d’O misteiro das badaladas” e despois, xunto co seu fillo Dani Puente, impartirá un “Obradoiro de creatividade literaria e visual”.

O venres, 20 maio a Fundación Eduardo Pondal viaxeira visitará o IES de Ponteceso

en xornada de mañá e a Escola Infantil A Galiña Azul en xornada de tarde. Con isto lógrase que todo o alumnado do concello de Ponteceso teña unha participación nestas FestiLetras 2011.

Ás 18.00 h terá lugar a clausura da Escola Municipal de Teatro de Ponteceso coas obras “Os parruliños”, “O lobo e a carapucha”, “A familia Porcón”, “A princesa Amanda e o poeta” e “Os manteis roubados”.

Pola noite desenvolverase unha sesión de boas prácticas da xuventude e a lingua galega co título de “A Mocidade e a Lingua na Casa da Oralidade”. O acto será presentado pola xornalista pontecesá Cristina Martínez e nel amosaranse as seguintes experiencias: Fundación Eduardo Pondal + IES de Ponteceso, “O roteiro do 150 aniversario d’A campana de Anllóns no Ben Falado da TVG”, Sofía González, “Propostas desde o audiovisual”, Alba Costa e Teresa, “Propostas musicais”, IES de Baio / Feminino plural, “O neto de Frankestein”, Esteban Rey e Tamara Lema, “As animacións literarias” e pechará a Fundación Eduardo Pondal coa “Experiencia d'As noites do prácido luar”.

Na mañá do sábado 21 de maio terá lugar un irmandamento entre os tres grandes autores do rexurdimento coa actividade Os roteiros do Rexurdimento no que distintos representantes das fundacións destes tres escritores poñerán en valor o roteiro pondaliano Val nativo ademais de intercambiar experiencias desenvoltas nas súas respectivas fundacións.

Pola noite, a partir das 22.00 h, terá lugar a estrea das Noites do prácido luar, un roteiro poético-musical animado coas representacións teatrais ó aire libre da mocidade da redonda baixo a dirección de Lucho Penabade e coa participación musical da coral Oliveira de Monte Branco.

A última cita do día será o concerto de Milladoiro en lembranza da xornada de homenaxe a Eduardo Pondal de hai 30 anos na praza do Recheo con motivo do levantamento do monolito pondaliano. Esta cita musical será presentada pola xornalista carballesa Cristina Abelleira Martínez.

O domingo 22 de maio será a xornada máis multitudinaria debido ó reclamo da celebración da XXIXª FEIRA DA ARTESANÍA. Abrirase ás 11.00 h e ó longo de toda a mañá o público que se achegue ó entorno da Casa do Cura poderá contemplar, obradoiros en vivo, pintura de Ana de la Torre, fotografía de Marcos Rodríguez, escultura en pedra do pontecesán Xosé Manuel Castro, a mostra do libro galego disposta pola d’A Tenda dos Libros, as actuacións de danza e música tradicional a cargo de Inllar e Monte Branco, así como a música divertida da Orquestra Ce Pantasma.

Na xornada de tarde proseguirán as actividades da artesanía, pero ademais terá lugar o máis grande festival de música infantil nunca habido na Costa da Morte coa participación de Magín Blanco e Iván Prieto co espectáculo “A nena e o grilo”; Pablo Díaz e a súa banda co concerto de “Tic-Tac”; e Mamá Cabra con “Ola-Ola”. O concerto será presentado polo televisivo Xosé Antonio Touriñán e tamén contará coa animación de Peter Punk.

20 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión