Luís Tosar e os 'Versos' da editorial DaVinci

Redacción.-

O actor e músico Luís Tosar presentará esta tarde en Compostela a colección “Versos” da editorial DaVinci Continental, nun acto que terá lugar hoxe no Clube de Jazz Dado Dadá (Rúa Alfredo Brañas 19) de Compostela a partir das 20 horas. Os dous primeiros libros que integran esta colección son “Obxecto de Poesía” de Mercedes Villegas, e “Memoria e desconcertó” de Gaspar Moisés Gómez.

Davinci Continental nace en 2004, ano no que adquire o fondo da antiga Oikos Tau. Con sede social en Barcelona, os almacéns trasladáronse a Compostela en 2009 e integrouse na Asociación Galega de Editores. De Oikos retomou a prestixiosa colección Que se e hai dous anos iniciou unha serie de relatos con dúas obras de narracións (Narracións de mestres e Narracións da escola), contando con sinaturas como Luís Mateo Díaz, Gustavo Martín Garzo, Lourdes Ortíz ou Angeles Caso. En 2010 editou o seu primeiro libro en galego, do emigrante en Uruguai Manuel Losay.

Nacida en Madrid, Mercedes Villegas Andrino estudou o Bacharelato nun colexio francés da capital de España e posteriormente cursou Filoloxía Hispánica na Universidade Complutense. Residiu uns anos en Londres, onde perfeccionou o inglés e despois trasladou o seu domicilio a Santiago de Compostela, onde vive actualmente. Libreira vocacional, fundou a librería compostelá María Balteira, á fronte da cal estivo cinco anos. Levada polas súas inquedanzas intelectuais, crea e imparte talleres de lectura, é tradutora de inglés e francés, lectora e correctora e tamén imparte clases de literatura e idiomas. Prantou árbores, tivo fillos e escribiu libros, como estes versos recompilados que agora ven a luz en “Obxecto de Poesía”, en edición bilingüe.

Gaspar Moisés Gómez (Serranillos, Ávila, 1927) reside en León, onde dirixiu a revista de poesía e crítica Alcance. Cursou estudos de Dereito en Salamanca, cidade na que empezou colaborando nas revistas Intus e Máis. Na década dos 50 pertenceu ao grupo “El Cobaya” en Ávila, publicando nesa revista poesía, crítica e ensaio. Con nove libros editados, a súa obra apareceu en diversas antoloxías. Ten no seu haber máis de cincoenta libros inéditos, aparte de varios ensaios sobre literatura. En 2000 foi nomeado "Abulense do ano" en Alcalá de Henares.

19 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión