LV Copa Miño de Piragüismo

Redacción.-

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou hoxe a LV Copa Miño de Piragüismo, acompañado de María Teresa Estévez, presidenta do Club Piragüismo Cidade de Lugo, que organiza a proba, e máis de Martín Carballo, delegado en Lugo da Federación Galega de Piragüismo. Por diferentes motivos estiveron ausentes no momento da presentación os representantes dos Concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Lugo, polos que transcorre a proba e que tamén colaboran na organización da mesma.

Antón Bao, na súa intervención no momento da presentación, destacou que ao mencionar o número que acada a edición deste ano da proba de piragüismo xa abonda para darse conta da importancia da competición, e afirmou que, logo do descenso do Sella, “é a proba máis importante, con máis arraigo e tradición do Estado español". O vicepresidente da Deputación ratificou o seu apoio a esta proba “xa que contribuíu desde sempre a promocionar o deporte do piragüismo entre os lucenses”, un obxectivo que Bao sinalou “que é compartido pola nosa Área de Deporte, que puxemos o noso empeño para revitalizar o piragüismo en Lugo con medidas coma a posta en marcha da Copa Deputación de Piragüismo, ou o arranxo da escola de piragüismo da nosa titularidade (que se atopaba case en estado de abandono) e que leva preto de un ano en funcionamento, organizando cursos de iniciación ao piragüismo coma os que onte comezaban nesta tempada e cun número de usuarios moi alto”.

O Descenso Internacional do Miño de Lugo ou Copa Miño, nome co que popularmente se coñece a esta regata, é a segunda proba máis antiga das que se celebran en España, despois do Descenso Internacional do Sella, e nesta campaña cumpre a súa 55 edición cun número de participantes estimado entorno aos 300 padexeiros e padeeiras. Desde os seus comezos esta cita deportiva espertou un gran interese entre a cidadanía lucense, de forma que contribuíu enormemente á difusión e popularización deste deporte na cidade. Pódese afirmar que a Copa Miño foi a chama na que se coceron as distintas xeracións do piragüismo de Lugo e que en parte, grazas á tradición, afección e categoría desta proba, a cidade foi considerada durante décadas como unha dos berces do piragüismo galego e nacional.

A saída da proba terá lugar o vindeiro domingo 8 de maio ás 5 da tarde na Ponte de Rábade para todas as categorías sénior e xuvenís masculinas, mentres que para as categorías cadete e femininas a saída situarase na Ponte de Ombreiro. Ademais de ser unha proba internacional que conta coa participación de numerosos equipos estranxeiros, tamén é de destacar a presenza confirmada de equipos como o Kayac Tudense, unha referencia no piragüismo nacional galego e estatal, xa que proba é puntuábel tamén para o XVI Copa Galega de Ríos, Travesías e Maratón.

A Escola de Piragüismo, dependente da Área de Deporte da Deputación de Lugo, abriu as súas portas despois de ter que realizar unha rehabilitación do edificio que a alberga. A nova etapa da escola, da que desde o verán pasado xa están desfrutando ao redor de 200 usuarios, ten como obxectivo fomentar o deporte, dende as categorías de base, e colaborar cos clubs e institucións na promoción do piragüismo e doutras disciplinas poñendo estas instalacións ao seu servizo. Os seus obxectivos son poñer a disposición dos clubs e deportistas lucenses e do resto de Galiza un espazo para a práctica do piragüismo e doutros deportes relacionados co medio acuático, ademais de promover cursos e xornadas para dar a coñecer o deporte da piragua a todos os que se queiran achegar a el. Este xeito de achegar o medio acuático, a través do deporte, irá dirixido a centros educativos, asociacións, clubs e persoas individuais.

04/05/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión