Preséntase 'Os Olano: de Zaldibia a Vilalba'

Redacción.-

O vindeiro venres, día 6 de maio, ás 20,30, na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro Os Olano: de Zaldibia a Vilalba. Cartas executorias e limpeza de sangue de 1772, do que é autor José-Luis Novo Cazón.

No acto intervirán, ademais do autor: Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, director do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento; Pablo Otero Piñeyro-Maseda, doutor en Historia; un representante da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo; e Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA.

Esta monografía é a primeira dunha serie na que o autor da mesma pretende abordar o estudo da fidalguía chairega, da que, na actualidade, apenas se coñecen máis que os nomes das liñaxes e os pazos e casas grandes que ergueu.

O libro que se vai presentar é, xa que logo, unha achega inicial á rica historia deste primeiro banzo da nobreza da Terra Chá, que tanta importancia tivo ao longo do Antigo Réxime. Ela foi a que exerceu o mando nesta Terra.

As cartas executorias acreditativas da condición fidalga de Antón e de Manuel Olano, ditadas pola Sala de Fidalgos da Chancelaría de Valladolid, así como tamén da limpeza do sangue azul que corría polas súas veas, son os documentos fundamentais que permiten reconstruír o percorrido desta liñaxe vasca dende o berce de Zaldibia (Guipúscoa) até os confortables acougos de Fresneda de la Sierra (Burgos), Madrid, Mondoñedo, Vilalba e outras latitudes.

Este libro consta de dúas partes: unha ampla introdución sobre a fidalguía e máis a sinalada traxectoria vital dos Olano e, deseguido, a transcrición íntegra de ambos cartas, cuxas sentenzas se produciron en 1772.

02/05/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión