Obras son amores

Moncho Paz.-

Lembro ben aqueles anos oitenta, nos albores da democracia, cando viviamos as campañas electorais con expectación. O seu comezo era sinónimo de pegada de cartaces a cotío, bolígrafos con siglas de todas as cores, coches con megafonía a todas horas e miles de adhesivos e folletos espallados polas rúas. A propaganda era absolutamente invasiva. E xa non falemos das inauguracións, apertura de pistas no rural, iluminación de barrios, asfaltado de camiños, beirarrúas novas, remodelación de prazas e zonas recreativas con piscinas.

A maioría destas medidas coincidían en período electoral e respirábase un auténtico espírito reformista (de reformas) en aras do ben común (por non dicir outra cousa). E tampouco esquezo a lenda da famosa axenda de don Paco, aquel político que exercía o poder na provincia onde nunca se poñía o sol. Percorría vilas e aldeas saudando aos paisanos, interesándose polos seus fillos e tamén polas recolleitas (de votos, claro). E que ninguén se preocupase por nada, pois o día das eleccións xa pasaría a buscalos o autobús. Non trascorreu tanto tempo, pero a memoria é feble. O outro día un vello compañeiro da escola referíase con nostalxia a aquela época, apelando a un galeguismo de pastel que pouco –ou máis ben nada– tiña que ver coa modernidade que outros defendiamos para que Galicia superase o atraso económico. Algo melloramos dende entón; bastante, diría eu. Agora as campañas son máis cívicas, alomenos no que se refire á limpeza das vilas e cidades.

A prohibición da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, que endurece e limita a actividade política en precampaña, chega nun bo momento: ao referirse a “calquera acto de inauguración de obras ou de servizos públicos”, leva o apelido da transparencia. O frenesí de visitas a obras e colocación de primeiras pedras non é de agora, senón que sempre foi un recurso habitual dos políticos no Estado español. E de maneira moi especial nos comicios municipais, a pesar de que sexan estratexias tan obvias e oportunistas que supoñan un insulto á intelixencia dos cidadáns. Habería que dar un paso máis, impedindo aos representantes electos –con suposta vocación de servizo público– utilizar os seus cargos para favorecer intereses de partido. Porque as regras do xogo deberían respectarse sempre, e non de xeito exclusivo en período electoral.

02/04/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión