Que me poño hoxe?

María Xosé Lamas.-

Só é unha pregunta produto do consumismo. De seguro que nin o Golpe, nin a súa dona Remedios, se farían nunca tal interrogante. A eles tocoulles vivir a maior parte da súa existencia na posguerra e nas etapas máis duras da ditadura, só ao remate albiscaron o incipiente rexurdimento da vida no país, e pouco máis que a transición democrática.

O certo é que non sabemos na actualidade o privilexiados que somos posuíndo escollas, incluso deste xénero, aínda que esteamos pasando unha “grave crise económica”.

Cando chegaba a Cas Paredes calquera día, festivo ou non, atopaba a meus tíos vestidos de calquera xeito. Abondaba con ter o corpo cuberto e preservado das inclemencias do tempo. Ás veces da roupa que vestían non se sabía cal era a súa orixe, de tantos remendos como tiña. De nena teño xogado con miña irmá Elsa a adiviñar cal era a peza orixinal dos pantalóns do tío Xosé ou das zapatillas ou o mantelo da tía Remedios. Eles estaban afeitos a pasar por malos tempos. Tempos nos que había que aproveitar todo até o máis mínimo elemento, tanto da roupa como dos utensilios cotiáns.

No “arrimado” da casa había unha especie de obradoiro no que o Golpe almacenaba toda sorte de materiais susceptíbeis de seren utilizados. Hoxe diríamos del que tería Síndrome de Dióxenes, pero non é certo. El só pretendía aproveitar canto caía nas súas mans: paraugas vellos ( para gardar cando menos as varillas), arames e ferros, teas, fíos de cobre, toros de madeira de buxo, de bidueiro, de carballo,… latas, envases, e un longo etcétera de materia prima para as súas realizacións manuais. Non en van acudían todos os veciños a el para que procedera a reparar o que estaba danado. Era o que arranxaba o habido e por haber que non estaba en condicións de uso.

A tía Remedios non ficaba atrás cos seus remendos. Non había peza que se lle resistira coa súa máquina de coser de Singer de manivela, que aínda está no cuarto agardando por quen lle bote unha pinga de aceite e a poña en funcionamento.

Non coidades que estamos un pouco botados a vicio? “Que me poño hoxe?”

10/04/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión