Vergoña allea

María Xosé Lamas.-

Iso é o que sentimos onte moitos dos case trescentos vilalbeses que presenciamos o debate político no Centro Cultural.

Independentemente das diferentes ideoloxías políticas, os que alí nos reunimos tiñamos razóns importantes para facelo: apoio ás distintas candidaturas, reafirmación das nosas preferencias, valoración dos seus programas políticos, información sobre o realizado na lexislatura que remata… e un longo etcétera de motivos individuais e colectivos; pero non nos xuntamos para recibir publicamente improperios nin insultos.

Para comezar, todos sabemos que existen linguaxes diferentes das verbais para comunicar estados anímicos, emocións, intencións…. e que confiren determinadas connotacións ao que se expresa verbalmente. Pois ben, a actitude amosada dende o primeiro momento polo candidato á alcaldía do PP, o Sr. Criado, foi de desprezo polo acto en si e polos adversarios políticos, mantendo unha postura máis propia para o salón de estar da súa casa que para un acto público. Un “aquí mas dean todas” insultante de por si.

Xa na primeira intervención concedida aos representantes dos tres partidos (BNG, PSOE e PP) na que os candidatos precedentes agradecían ao Centro cultural, ao IESCHA e á Voz de Vilalba a organización do evento, o Sr. Criado “esqueceu” voluntariamente nomear a esta última, seguramente por considerala “non grata”. A iso chámaselle respecto e saber estar.

No seu discurso posterior non houbo contido, limitándose a atacar “ao bipartito” da anterior lexislatura autonómica e a botarlle “as culpas de todo a Zapatero”…. Moi na liña do PP tanto autonómico como a nivel de Estado. En todo momento amosou non coñecer nin o seu propio programa, se é que así se lle pode chamar ao díptico publicitario que sacaron ad hoc e que pouco máis contén que as fotografías da candidatura, pois revisábao constantemente, de seguro que para non meter a pata cos do seu propio partido.

Por se todo isto fora pouco, nunha das intervencións nas que os candidatos precedentes na quenda de palabra utilizaron o termo “transversal” , dirixiuse ao público preguntando: “dos aquí presentes cantos coñecen a palabra transversal” Todos, Sr. Criado, todos e todas. Unha totalidade erguida en protestas contra o insulto de considerar aos presentes ignorantes. Era o que nos faltaba por oír para corroborar que o candidato á alcaldía polo PP considera a toda a poboación vilalbesa inculta.

E esa persoa quere ser o noso alcalde? Quere representar aos cidadáns insultados publicamente por el mesmo? Non, Sr. Criado, estamos fartos de sentir vergoña allea!!!

Parabéns aos candidatos do BNG e do PSOE, Eduardo Vidal e Tareixa Burgo. Eles si estiveron á altura das circunstancias.

15 de maio de 2011

1 comentários :

  • ainda que teño claras as miñas ideas intentei ver o debate con obxetividade. Ningún candidato me convenceu. Fora diso, pareceume mais un partido de fúbol, coas aficions dispostas a aplaudir ós seus "xogadores" que a intentar sacar algo en limpo. Creo que o 99 % da xente que onte estaba no debate ten o voto decidido, polo que non resolve nada. Os contrarios a Gerardo seguirán botando chispas contra él, e os favorables seguirán alabandoo.
    Tal vez que mais me convenceu foi a candidata do BNG, ainda que sobraba o de pedir o voto "por favor".
    En resumen, mais do mesmo.

    22:53 do 15 de maio de 2011

Danos a túa opinión