VIII Festival de Cans do 18 ao 21 de maio


Redacción.-

O Festival de Cans chega a súa oitava edición cun programa que encherá a vila de Porriño de coloquios con cineastas de prestixio, proxectos novos coa universidade como o ‘Can Campus’, longametraxes de grandes produtoras e novas infraestruturas. De todos os xeitos, un ano máis os protagonistas do certame serán as curtas, a música, os coloquios, as estreas, os veciños, os xurados e os premios, xunto con algunha que outra sorpresa.

De mércores a sábado, o Festival de Cans desenvolve un programa no que destacan directores de prestixio, actores e actrices, produtores, guionistas e grandes músicos. Todos eles daranse cita na rotonda da Adroza, no baixo do Moncho, no baixo de Bugarín ou no Torreiro de Cans, e estarán en permanente contacto cos veciños e veciñas da parroquia e o público incondicional da localidade pontevedresa.

É a festa do audiovisual galego por excelencia. Comezou sendo un festival de curtametraxes que aproveitaba que a localidade na que se celebra soase igual que a cidade francesa na que se desenvolve un festival de cine (Cannes) para tirar de ironía. Acobou por converterse nunha cita “ineludible” do calendario que mestura audiovisual (con todos os formatos posibles) con música con gran acerto. Con só oito edicións, Alfonso Pato, conseguiu organizar un festival que agrada a políticos, profesionais e público ao tempo que implica activamente aos habitantes desta localidade. Nesta edición, que arrinca o día 18 de maio, contará coa presenza de Isabel Coixet, Fernando León e Jorge Coira que presentarán os seus últimos traballos e achegarán algunha sorpresa. Entre as novidades destaca o Can Campus, onde estudantes de comunicación audiovisual da Universidade de Vigo elaborarán videoclips ao lado de expertos profesionais. Concertos, proxeccións, coloquios e premios nesta cita que terá lugar do 18 ao 21 de maio.

Nesta edición será o director Fernando León de Aranoa (Madrid, 1968) quen participe nesta sección. Baixo o título “Afectos Secundarios” o cineasta exhibirá tres pezas da súa carreira que el mesmo seleccionou. Son Grúa, único spot rodado polo director que xira en torno á educación vial, Me llaman calle, un videoclip rodado para Manu Chao en 2009 e Rumbita unha gravación doméstica de Manu Chao e os seus músicos. Ademais, dentro desta liña de encontros co público tamén participará Jorge Coira, nesta ocasión ofrecerá unha peza inédita que gravou para a súa película 18 comidas (sería a comida número 19) pero que decidiu non incluir no filme.

13/05/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión