Adeus, Lili Marleen

Fermín Bouza.-

A tempestade-euro ameaza gravemente á mesma idea de Europa, e comeza a ser pensable non xa unha Europa de dúas velocidades senón unha non-Europa na que a referencia única volve ser Estados Unidos, co factor chinés de fondo. Os movementos sociais de protesta comezan a desbordar á esquerda, á que deixan de votar, e á que acusan de ser de dereita (en realidade a esquerda realmente operante fai o que o Eurogrupo lle pide, como o que ten unha pistola no peito), co que a dereita se apropia de todos os gobernos e poderes e fará a súa santa (en absoluto santa, realmente) vontade, levantada por boa parte deses movementos sociais e os seus engadidos diversos.

Ás veces estes movementos son de rara ideoloxía, ou a teñen en parte dese modo estraño, e parécese algo esa ideoloxía ao discurso histórico do vello fascismo (nin dereita nin esquerda), pero en xeral tiran cara á crítica libertaria aos partidos e aos políticos. Cando se parece ao fascismo ("nin esquerda nin dereita" ou algunha modalidade de "a revolución pendente") e se contrasta coa emerxencia legal da xenofobia (Badalona) e outros trazos daquela época sinistra do século pasado, dá a impresión de que algo similar nos espera e que nos vai pillar sen protección, sen organización e sen nada.

Pero é un pesadelo construído con síntomas illados que non dan para unha síndrome, apenas para pensar e tomar medidas dalgunha especie indicible ou dicible. Todo empezou co illamento da socialdemocracia, como agora, e nesa operación caeron tamén os que a illaron, como é natural, despois foron a por os demais, que di o vello poema narrativo que non é de Brecht, como saben. Pobos e personaxes que apoiaron aquilo pagárono moi caro (non todos) pero que lles quiten o bailado: a cifra real de mortos quizá non baixe dos 70 millóns de cidadáns e soldados pillados naquel conflito.

Non o esquezan. Cando alguén é xenófobo e/ou corrupto e gaña eleccións, e cando algún insensato de esquerda ou de dereita civilizada queda na casa sen votar ou dá o seu voto á dereita menos cívica, aqueles millóns de ollos, ou unha boa parte deles, óllannos desde o fondo do cosmos infinito. Adeus, Lili Marleen.

28/06/2011

0 comentários :

Danos a túa opinión